Xoves. 28.03.2024
Os escritores, coa alcaldesa, Ana Villarino, a concelleira Lorena Macía e as tres monitoras do Oímbra Verán.
As tres monitoras do Oímbra Verán (á esquerda, de pé) coa alcaldesa, Ana Villarino, os escritores e a concelleira Lorena Macía. Sentados, tódolos cativos da ludoteca co seu exemplar asinado.

Xabier Domínguez é un polifacético escritor, mestre e editor limiao (Vilar de Barrio, 1984) ben coñecido na comarca de Monterrei. Foi, hai dous anos, profesor dos nenos do CEIP de Oímbra, cos que hoxe se reencontrou no Oímbra Verán. "Sempre é un pracer volver.  Aínda que non fora no colexio, no pavillón estiveron moitos dos nenos aos que ensinei", conta Xabier, emocionado.

Unha impresión que comparten dende o consistorio, moi agradecidos pola labor docente do profesor. "Dende que Xabier estivo no colexio seguimos tendo contacto e moi boa relación e, cando vin que estaban a traballar de novo en Naturizo, non dubidei en invitalos a vir facer este taller. O fomento da lectura e da cultura é importantísimo para os cativos", afirma a alcaldesa do municipio, Ana Villarino.

Estivo acompañado pola súa parella, no amor e na profesión, Alba de Evan, coa que, en algo máis dun lustro de andaina, xa publicou 11 obras. "Comezou como un proxecto escolar para crear contos para os rapaces e acabamos colléndolle o gusto", conta Xabier.

Influenciados pola súa profesión -ambos comparten o amor pola docencia, Xabier de infantil e primaria e Alba de secundaria-, comezaron da man niso da escritura no 2017 coa obra A superavoa de Antón e con Naturizo, un proxecto con contido medioambiental e que xa vai polo seu oitavo título. "O noveno vén en camiño e sairá á luz en setembro, vai versar sobre o Camiño de Santiago", adianta. 

Apostaron forte pola literatura infantil e xuvenil porque "só se é neno unha vez na vida" e fixérono en lingua galega. "Nunca nos plantexamos escribir noutro idioma. Pode que tamén influíra o feito de que existe moita obra para nenos en castelán e en galego, non tanta", analiza Xabier. Por este motivo, o do idioma, foi elixido recentemente como o 'Autor da Semana' pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O fomento da lectura a estas idades é fundamental, so se é neno unha vez na vida (Xabier Domínguez)

Namorados da infancia e dos máis pequenos, público potencial das súas obras, crearon en metade da pandemia 'Antela Editorial', un proxecto da Limia, igual que eles. Alba naceu en Vigo pero está fortemente ligada a esta terra. "Sentiamos a necesidade de aportar o noso gran de area tamén como editores. Naceu nun ano complicado pero se nos poñemos a pensar, nunca é un bo momento. Así que lanzámonos e, por agora, estamos moi contentos", afirma o autor.

O seu obxectivo é crear edicións coidadas, de carácter solidario e comprometidas co medio ambiente, loitando por unha porcentaxe xusta para toda a cadea de produción. "Ter este negocio no rural ten pros e contras, pero, despois dun ano de vida, podemos dicir que o bo supera ao menos bo. Xa temos 4 títulos publicados e escritos por grandes figuras con nomes coñecidos", conta Xabier.

Agora, esta parella xa está a traballar en novos proxectos que verán a luz despois do verán. Á par que avanzan no noveno título de Naturizo, 'O Camiño das estrelas', están embarcados nunha novela infantil, 'A bruxa Selana', sobre a que non quixeron dar pistas, salvo que será editada tanto en galego como en castelán.

Unha mañá no 'Oímbra Verán'

Co firme obxectivo de fomentar o interese pola lectura dos máis novos, Xabier Domínguez e Alba de Evan, compartiron unha mañá cos cativos da ludoteca -Oímbra Verán- organizada polo Concello de Oímbra. 

Unha xornada dividida en tres partes, nas que os nenos coñeceron, en primeiro lugar, como é e en que fases consiste o proceso creativo dun libro. "Ás veces, vémolo na libraría e non pensamos en todo o traballo que leva de edición, corrección e impresión. É importante que eles o saiban para que valoren máis o que teñen entre mans", advirte Xabier. 

Xabier Domínguez e Alba de Evan, escritores, visitan aos nenos do Oímbra Verán para explicarlles como se fabrica un libro. | FOTO: M. D.Xabier Domínguez explica o proceso de creación dos libros. | FOTO: M. D.

O segundo bloque, máis práctico, foi orientado a facer manualidades, como ourizos de barro e terra. Por último, tivo lugar a sinatura de libros que os autores adicaron a cada un dos cativos. "O Concello de Oímbra mercou para cada neno un dos nosos libros, adaptado á súa idade. Asinámosllos para que leven un recordo deste día e para fomentar a pronta lectura de cada un deles", conclúe.

Xabier Domínguez e Alba de Evan, escritores infantís: "É esencial fomentar a lectura...