Aínda que este ano a Feira do Pemento de Oímbra non terá celebración presencial na súa carballeira e pavillón anexo, o Concello que preside a popular Ana María Villarino Pardo non quere que o seu produto estrela quede no esquecemento. Por iso que vén de deseñar un concurso fotográfico no que todos poden participar subindo ás súas redes persoais unha ou varias imaxes conmemorativas dalgunha das anteriores edicións da Feira do Pemento de Oímbra ou aquelas máis divertidas -persoais, familiares, nun xantar, cociñando...- onde, evidentemente, non pode faltar o rei da horta olimbriguense.
Logo de saír da sartén, os pementos de Oímbra deben repousar un chisco para estar deliciosos. | FOTO: Noelia Caseiro.
Aquela instantánea -á que se lle deberá engadir a etiqueta #pementodeoimbra- que máis likes ("me gusta") será a gañadora dun extraordinario lote de produtos da horta de Oímbra, no que non faltarán, sen dúbida, os pementos e tamén unha botella de cada unha das adegas da Denominación de Orixe Monterrei asentadas nas terras do Concello ourensán.
Ata as 23:59 horas do vindeiro domingo día 2 de agosto, día no que se celebraría a xa XXIII edición da Feira do Pemento de Oímbra, hai tempo para subir as imaxes. A vindeira semana coñecerase a foto gañadora.