martes 30/11/21
Realizaranlle aos asistentes un test de antíxenos e os resultados coñeceranse 15 minutos despois

Uns 400 olimbriguenses están citados este martes a un cribado no pavillón municipal

O Sergas realizará este martes un cribado a 400 veciños de Oímbra, onde este luns eran 53 os casos activos rexistrados no municipio. Será pola tarde no pavillón municipal e os convocados someteranse a un test de antíxenos. 

Casa consistorial do Concello de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Casa consistorial do Concello de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Os equipos de Protección Civil do Concello de Verín, en colaboración coa rexedora de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, preparan xa o dispositivo a carón da casa consitorial de municipio, onde dende as 15:30 horas de mañá martes se agarda a vista duns 400 veciños para sometérense á proba de antíxenos do coronavirus. 

Un equipo de profesionais enviado pola Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras establecerase no pavillón municipal. Alí realizaranse as probas a todos os residentes no municipio con tarxeta sanitaria asignada á facultativa da localidade e que xa están sendo citados. Os convocados accederán ao estacionamento da Casa do Concello no seu automóbil. Dende alí dirixiranse a pé ata o pavillón polideportivo, onde se someterán a un test de antíxenos. Unha vez rematado, deberán agardar uns 15 minutos no exterior do mesmo e, transcorrido ese tempo, deberán achegarse a unha das fiestras do centro de saúde -contiguo á casa consistorial- para que unha enfermeira informe, caso por caso, do resultado da proba

Só poderán acceder en automóbil ata a mesma porta do pavillón aqueles que teñan mobilidade reducida e non poidan desprazarse dende o aparcamento da Casa do Concello

A proba realizaráselle a maiores de 18 anos que non se viran sometidos a PCR nos días previos por mor de seren contactos de positivos diagnosticados. 

Ana María Villarino Pardo fai un chamamento especial a toda a súa veciñanza "para que non deixen de acudir masivamente ao cribado. Só así, coñecendo aos asintomáticos poderemos parar no noso municipio o avance da pandemia", sinalou. 

Uns 400 olimbriguenses están citados este martes a un cribado no pavillón municipal
comentarios