O guión da festa é case o mesmo todos os anos. Poucas novidades introduce a directora da escea, Ana María Villarino Pardo, nunha convocatoria que xa é un referente provincial o primeiro domingo de cada mes de agosto. Non falla case nada: pementos a fartar, unha carballeira que axuda co abafante calor que nunca defrauda no día de hoxe; un ocurrente concurso de pratos elaborados co produto estrela e o xantar popular con charanga e mesa reservada para autoridades locais, provinciais, autonómicas e estatais.
Fixo un sol de xustiza ao longo do día que só a carballeira foi quen de mitigar.
Dende as nove, as tres irmáns Loureiro acenderon os fogóns das kilométricas tixolas para comezar a preparar a degustación gratuíta do rei das hortalizas do lugar. A medida que o lume quecía o aceite e comezaban a bañarse nel os primeiros e notables pimentos, a feira de artesanía e maquinaria agrícola ía collendo cor e público. Tamén empezaba a ferver o pote do polbo, polo que se podía optar na carpa instalada ao efecto.
As irmáns Loureiro: Tina, Bilde, Silvia e Mary -as de amarelo estiveron pendientes dos fogóns-, coa mediática estrela Rubén Riós.
Mentres, na aira, as primeiras ringleiras para probar o produto da horta víanse interrompidas por o zancudo que, divertidamente ataviado, tentaba concienciar, con posto propio, sobre a necesidade de acabar coa violencia sexista nos espazos públicos.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez -de branco-, deixouse retratar contra a violencia sexual.
Cara as doce, abría o centro de saúde, reconvertido en exposición do inxenio de veciños do Concello que fixeron do pemento o principal ingrediente das súas composicións. Ovos recheos, pasteis, empanadiñas, lazos, un indio labrado nunha sandía e coronado con pementos ou o máis clásico e apetecible, xa pola hora de entón, ovos "rotos" con pementos de Oímbra e patacas -por isto de descomplicarse- foron algúns do pratos elaborados que contaron esta vez cunhs cociñeiros de moita excepción, a cativada da ludoteca municipal, que deu en rechear pementos con arroz. Todos completarán un recetario que editarán dende o Concello, como xa se vén facendo dende hai anos.
O centro de saúde acolleu, un ano máis, a exposición de pratos elaborados con pemento.
De camiño cara o campo da festa, de novo, e xa con máis fame co can de Pávlov, atópome coa alcaldesa que sae apresa en busca da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, que non faltou á cita coa localidade que tanto visitou acompañada da carteira de Medio Rural. A segunda carreira que botou a rexedora foi para lle saír ao encontro ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, que pasou de modo enterro -dende o Irixo, nas pompas do seu alcalde e compañeiro de partido Manuel Penedo- ao de festa rachada e romaría no traxecto pola A-52 ata Oímbra. Cando chegou, xa estaban, entre outros, varios dos seus alcaldes da comarca -Castrelo do Val e Verín cos seus máximos exponentes-, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Díaz Mouteira ou mesmo a deputada pola provincia nas Cortes Xerais, a banduense Ana Belén Vázquez Blanco.
Seguindo o guión, antes de pasar ao tostadeiro do pavillón, a tradicional foto do pementos a piques de caír de mans dos políticos formando en media lúa, para que os compañeiros fotógrafos obtivesen a máis sinalada imaxe.
Alcades e rexedora dos municipos anfitrión e limítrofes, con Manuel Baltar e a conselleira de Medio Ambiente.
E, xa. Logo dela, a ocupar a primeira e longa mesa reservada do pavillón, atestado xa de veciños e visitantes que xa ripaban nos pementos polos que comezaba o menú. Logo viría o empanada -de pementos, a quen se lle ocorre dubidalo!, o xamón, o polbo e a carne ao caldeiro. Antes de picar no cefalópodo, moitos dos veciños nas bancadas de enfrente suaban como se estivesen picando en pedra. Nin os ventiladores, nin a porta do pavillón pechada uns intres, ni o fresquiño do Quinta do Buble mencía baixando pola gorxa facían mellor efecto que os abanicos das señoras do carón, xa aleccionadas de edicións anteriores.
Aínda así, ningúen se moveu -algúns únicamente para retratarse ca estrela da comarca, Rubén Riós- ata que as autoridades se ergueron para entregar os galardóns, que veu a coincidir cando xa o cácabo estaba cheo. Iso si, rematado o acto non foron poucos os que agradeceron por un pe fóra daquela infernal porta que só unha devoción mariana ao pemento de Oímbra pode explicar.