jueves. 25.04.2024
Acto entrega medalla GC | Foto: Subdelegación
Acto de entrega da condecoración a Emilio Martínez Núñez, á esquerda de Emilio González Afonso. | Foto: Subdelegación do Goberno.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, natural de Verín, fixo entrega esta mañá da Cruz da Orde do Mérito Civil a Emilio Martínez Núñez, capitán da Garda Civil nado en Bousés, Oímbra, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso constante co servizo á cidadanía. 

 

Durante o acto de entrega, o subdelegado do Goberno trasladoulle os seus parabéns ao condecorado e eloxiou a súa profesionalidade e exemplaridade, poñendo en valor "o seu esforzo e vocación de servizo público dentro e fóra do traballo, valores que representan a esencia de ser servidor do Estado".

Asistiron ó acto o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López, o comisario xefe da Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía en Ourense, Juan Carlos Blázquez, o tenente alcalde do concello de Celanova, Francisco Javier Fernández, e o exalcalde do concello de Celanova, José Luis Ferro, de quen partiu a proposta de concesión da medalla, amais da esposa do condecorado.

Traxectoria profesional

O capitán Emilio Martínez, destinado actualmente na Comandancia da Garda Civil en Ourense, tivo un longo percorrido de exemplar servicio público ao longo dos seus 29 anos de servicio no benemérito corpo. Entre os seus logros profesionais destacan, amén do esclarecemento de numerosos ilícitos penais -entre eles varios incendios forestais-, e as buscas de persoas desaparecidas, o rescate en outubro de 2018 de tres ciclistas de orixe portuguesa perdidos no Parque Natural do Xurés, nunha zona de difícil acceso. Moi destacable tamén é a súa participación no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas a través de numerosas charlas por toda a provincia de Ourense sobre acoso escolar e ciberbullying.

 

Así, o subdelegado do goberno, Emilio González Afonso, sinalou na súa intervención que esta condecoración é unha distinción ao "traballo diario e incansable dos axentes da Garda Civil, que desenvolvedes de forma rigorosa e tenaz, para garantir a seguridade na provincia de Ourense.

Eloxio ao traballo dos CC. FF. SS. EE durante a pandemia

O subdelegado do Goberno non quixo deixar pasar unha ocasión tan propicia para recoñecer o grande esforzo e a labor que desenvolveron os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante o último ano, marcado pola pandemia da COVID-19.

Un subdelegado de Verín condecora a un capitán da Garda Civil de Bousés (Oímbra)