Aquel martes 12 de agosto foi unha das xornadas máis dramáticas que viviu a comarca. Co lume declarado na parroquia da Granxa pouco despois das 14:30 horas e a provincia en Situación 2 pola gravidade dos incendios que devoraban miles de hectáreas, o inferno xa avanzaba. Arredor das 16:00 horas, Protección Civil Verín recibía o aviso máis preocupante: a brigada de Oímbra tiña entre tres e catro persoas desaparecidas, con sospeitas de estar feridas. A partir dese momento, comezou unha carreira contra o reloxo. A vida de dous brigadistas feridos estivo nas mans dun equipo reducido de salvamento: tres voluntarios de Protección Civil Verín e un bombeiro forestal. Sen coordenadas concretas, a súa misión foi iniciar unha procura marcada pola falta de información.
A procura ás cegas e o descenso imposible
Os voluntarios atopábanse nas Casas dos Montes e saíron cara As Chás; en teoría, alí desapareceran os brigadistas. Tras tentar o acceso pola pista de Santa Ana, que resultaba impracticable polo lume "impresionante", decidiron buscar unha entrada máis segura pola Granxa. Ao chegar comprobaron que nas Chás non estaban os brigadistas. Baixaron hacia Oímbra e, na estrada, atoparon a un primeiro brigadista que chegara pola súa conta e estaba sendo atendido por unha ambulancia. Tamén había unha brigada de Medio Rural.
Foi nese punto onde, mirando cara ao alto da montaña, divisaron dúas siluetas sobre "uns penedos". Estaban a moita distancia, pero cerca de Santa Ana. Tras berrarlles para que se dirixisen alí e poder recollelos, os brigadistas, confusos, fixeron o contrario: baixaron polo monte e desapareceron da súa vista. O bombeiro forestal ascendeu a pé para localizalos, mentres os voluntarios de Protección Civil Verín tomaron a decisión que marcou o rescate: subirían pola estrada cara o cumio para internarse co todoterreo monte a través e achegar o vehículo aos feridos.
Un rescate entre xestas, co lume ao carón e sen camiño
Un axente medioambiental quedou na estrada para manter unha vía de saída aberta controlando o tráfico. Os voluntarios de Protección Civil Verín localizaron unhas vellas rodeiras e decidiron "botarse por alí abaixo", nunha manobra extremadamente perigosa que puido provocar o envorco do vehículo. "En ningún momento pensamos nin fomos conscientes do perigo que estabamos correndo porque o que queriamos era localizar aos brigadistas", explican os voluntarios. As xestas cubrían o coche, impedindo ver a continuidade do camiño; sabían que o lume estaba alí, pero non podían ver se as lapas estaban demasiado cerca.
Nunha baixada suicida, a boa nova chegou a través da emisora; o bombeiro forestal localizara aos brigadistas nunha zona de difícil acceso con densa vexetación e deu a voz de alarma: "Non dan nin camiñado". Cando o vehículo de Protección Civil Verín chegou ao punto apenas pasaran 10 ou 15 minutos dende que os avistaran, pero "parecía demasiado tempo". Os brigadistas levaban arredor dunha hora perdidos. “Estaban sentados, falando, tiñan as mans ríxidas, afastadas do corpo e cos dedos separados para evitar tocarse, as fundas peladas, con queimaduras externas e internas e un deles coas vías respiratorias queimadas” lembran os voluntarios.
Sen ambulancia nin helicóptero: o traslado heroico
A gravidade das queimaduras era tal que os voluntarios, técnicos de emerxencias sanitarias e bombeiros forestais, souberon que non podían esperar: "Eu segundo o vin, dixen: está moi mal, hai que sacalo xa". O equipo de rescate atendeu aos feridos aplicándolles soro para aliviar as feridas, conscientes da extrema gravidade: "Pode colapsar en calquera momento", pensaron ao ver o máis grave. E tomaron a decisión máis difícil: o traslado faríase no seu propio vehículo todoterreo, pois non había recursos sanitarios no lugar.
Subilos ao coche foi extremadamente complicado, o mero contacto facía que a pel "se quedara nas mans". Foi o momento máis crítico, os brigadistas preferían subir eles, pero tiveron que axudalos. No todoterreo de Protección Civil Verín viaxaron, finalmente, seis persoas: os dous feridos, o bombeiro forestal e os tres voluntarios; "ninguén ía quedar alí, cerca do lume”. Iniciouse unha carreira desesperada. Chamaron ao 112 solicitando un helicóptero medicalizado de forma urxente, pola inaccesibilidade do sitio e a gravidade das feridas. Non houbo posibilidade de helicóptero, a única asistencia sería unha ambulancia. En constante contacto co 112, foron guiados telefonicamente por un médico e estableceron un punto de encontro en Oímbra para facer o trasbordo dos feridos. Cando estaban chegando o médico advertiunos: “Creo que xa movín un recurso, pero non o teño confirmado”. Estaban demasiado cerca de Oímbra, non estaba a ambulancia e decidiron marcar un segundo punto de encontro; sería na zona das rotondas de Queizás.
De camiño atoparon unha patrulla da Garda Civil e pedíronlle que os escoltaran. Foi entón cando o médico confirmou a peor nova: non podía asegurar a chegada dun medio sanitario. A decisión do médico a través do teléfono foi contundente: "Non lle pares a ninguén, chegas ti antes que facer un transbordo". Coa escolta da Garda Civil de Tráfico abrindo paso a toda velocidade, unha das voluntarias de Protección Civil chamou directamente a unha enfermeira do Hospital de Verín avisando de que non esperasen por ningunha ambulancia, senón que sacasen as padiolas para atender coa máxima rapidez aos feridos que chegaban no seu vehículo. Pasaban poucos minutos das 17:00 horas. A vida dos dous brigadistas foi salvada pola profesionalidade e o compromiso cívico de tres voluntarios e un bombeiro forestal, que supliron a carencia dun dispositivo sanitario coa súa rápida e arriscada decisión.
A falta de mando e recursos: a crónica dun descontrol
A falta de recursos sanitarios obrigou aos voluntarios de Protección Civil de Verín -altamente cualificados, pero actuando na súa quenda voluntaria- a tomar a decisión límite de trasladar a dous homes con queimaduras graves nun vehículo non apto para iso, era un todoterreo e non un vehículo sanitario. O seu labor altruísta non só cubriu a función de busca e rescate, senón tamén a de asistencia sanitaria e evacuación de urxencia.
A pesar da magnitude do incendio, do risco extremo, de que se soubo que había tres brigadistas desaparecidos e feridos e dunha Situación 2 declarada ese mesmo día en toda a provincia de Ourense, non se activou de forma preventiva ningún medio sanitario neste incendio para poder actuar de forma inmediata no caso de que fose necesario. Tampouco se estableceu un Posto de Mando Avanzado no incendio de Oímbra. O Centro de Coordinación Operativa (CECOP) estableceuse na capital para toda a provincia, pero non houbo ningún posto de mando avanzado nos diferentes incendios que estaban arrasando o territorio para axudar a mellorar a coordinación dos medios de emerxencias, tal e como se viña facendo nos últimos anos cando había unha grande emerxencia.
