
O incendio que se iniciara en San Millao (Cualedro) ás 14:15 horas da tarde do pasado mércores, 30 de xullo, permanecía activo a última hora deste xoves e mesmo experimentou un lixeiro avance polos montes xa do Concello de Oímbra. A súa reactivación mobilizou de novo un importante número de efectivos entre as localidades da Granxa, Bousés e Casas dos Montes. Cara as oito e media da noite, as lapas comprometían a circulación na estrada OU-1013 no treito Casas dos Montes e Bousés, en Oímbra.
A Situación 2, que se decretara de xeito preventivo pola proximidade do lume ao núcleo de San Cristovo (Monterrei), xa se deu por desactivada.
Segundo os últimas datos de Medio Rural, a superficie continúa a ser dunhas 1.000 hectáreas, nas cales hai parte agrícola e forestal: esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada.
Para a súa extinción lévanse mobilizado unha importante cantidade de efectivos e o lume semella estar relativamente controlado, polo momento.
Incendio intencionado en Moialde (Vilardevós)
Os efectivos de Protección Civil do Concello de Vilardevós chegaron inmediatamente, sofocaron as lapas e refrescaron o perímetro. O incendio xa estaba controlado cando se incorporou unha unidade do Consorcio Provincial de Bombeiros do Parque de Pazos en Verín.