A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, vén de anunciar que, por segundo ano consecutivo, a feira do pemento do concello, tal e como se viña entendendo nos últimos exercicios, non terá lugar. Isto é, non haberá exposición de produtos, nen degustación de pementos nen a comida popular que se organizaba no pavillón polideportivo.
Si se tentará manter vivo o espíritu da celebración na localidade e tamén en todo o municipio, porque os pementos fritos non han de faltar en ningún dos bares de Oímbra. A rexedora alcanzou un acordo con todos eles, e dende Videferre ata O Terrón pasando polo Rosal, todos os establecementos hosteleiros do concello servirán pementos donados polo Concello o sábado 31 de xullo e o domingo 1 de agosto, para que toda a veciñanza e visitantes asiduos da celebración podan degustalos como viñan facendo ata antes da pandemia: "É unha mágoa que por segundo ano teñamos que tomar esta decisión pero, aínda que os datos no noso municipio convidan a un certo optimismo, é ben certo que a evolución da pandemia, de novo con esta quinta onda, obríganos unha vez máis a antepor a saúde por riba das ganas de festa do noso produto estrela", sinala a alcaldesa.
Con todo, "todos os bares da localidade terán pementos para poder ofrecer aos seus clientes. Desta trasladamos o espírito da nosa feira a cada recuncho onde haxa un, tentando así axudar a un sector que tan mal o ten pasado nestes últimos dezaseis meses que xa van de andacio", apuntou Villarino Pardo.
Concurso fotográfico
Ao igual que no 2020, durante a semana previa á celebración da feira, o Concello de Oímbra organizará a segunda edición do concurso fotográfico no que os que así o desexen poderán etiquetar fotos nas que aparezan co produto estrela do concello: o pemento. O premio, coma na pasada edición do mesmo, será un suxerente lote dos produtores do municipio. O hashtag do concurso, xa coñecido: #pementodeoimbra.