Esta mañá coñeciase a estadística que diariamente envía o xerente do Sergas aos rexedores dos diferentes concellos da provincia, coa actualización dos casos activos. Unha vez máis, como vén ocorrendo nas últimas xornadas, o municipio de Oímbra destaca polo crecemento exponencial que está a padecer na última semana. Hoxe, a cifra supera o medio cento de casos (52), catro máis dos que se rexistraron na xornada sabatina. A súa rexedora, Ana María Villarino Pardo, confía en que a "partires do vindeiro martes teñamos tocado teito na progresión e grazas aos pacientes que comecen a negativizar podamos facilitar cifras máis alentadoras", apunta.
No municipio están confirmados, alomenos, tres gromos de distintas orixes. Un deles ten relación directa con Verín, que tivo o seu efecto multiplicador nun establecemento de hostalería do municipio. Pero tamén se deron gromos espallados en varias localidades do concello de índole doméstica. Ata o casa consistorial se viu afectada polos positivos dalgún dos seus funcionarios e traballadores.
De non ter ningún caso o mércores da pasada semana a 52 remantando esta, cunha taxa de incidencia de casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días de verdadeiro escándalo: 2.800.
Verín, Vilardevós e Monterrei soben lixeiramente
Os datos deste domingo sitúan á capitalidade da comarca nos 180, cinco casos máis dos contabilizados onte. Vilardevós alcanza os 22, máis do dobre dos que tiña o pasado domingo (10) e Monterrei mantense no abano dos 34-36 casos activos, nos que vén fluctuando nos últimos días.
Curva dos casos activos por Concellos dende decembro de 2020