jueves. 25.04.2024
Casa do Concello de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero
Casa do Concello de Oímbra. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras de mellora da estación de bombeo de auga do abastecemento do concello de Oímbra. O contrato foi para a empresa Vipeca Obras y Servicios S.L. e supón un investimento autonómico de 48.000 euros. Os traballos contan cun prazo de 4 meses.

O obxectivo destas necesarias obras é o de mellorar a estación de captación e bombeo de auga para abastecemento do municipio, que sofre de varias deficiencias e ocasionan frecuentes avarías. Isto leva a que os usuarios teñan un deficiente servizo, xa que vén interrompida a subministración de auga.

As actuacións comezarán pola renovación, en distintos núcleos do municipio, das tubaxes de aspiración e a construción dun foso desde a caseta de bombeo da estación ata o pozo de captación. As tubaxes están soterradas e, para reparar as avarías que se producen, hai que desenterralas.

Nesta intervención da Xunta, renovarase o grupo de bombeo, que chegou ao final da súa vida útil. Procederase á colocación dun novo grupo electrobomba formado por dúas bombas centrífugas horizontais de funcionamento alternativo, con motor de indución pechado e autoventilado, apto para traballo continuo.

A actuación tamén se estenderá ao recinto das instalacións, que está actualmente pechado con valado metálico e ten o chan en terra, o que facilita o crecemento de maleza que debe eliminarse con certa frecuencia, incrementando os gastos de mantemento. Ademais, prodúcense encharcamentos pola choiva, que resultan molestos para os operarios municipais nas súas tarefas de mantemento nas instalacións. Por isto, os traballos contratados inclúen a renovación da carpintería metálica de xanelas da caseta de bombeo e a mellora do firme do recinto.

NOTICIAS VERÍN | Adxudican as obras de renovación da estación de bombeo de auga en Oímbra