martes. 23.04.2024
O lagar de Xan Petro volverá a recrear as vellas tradicións da vendima.
O lagar de Xan Preto volverá a recrear as vellas tradicións da vendima.

Este domingo 9 de outubro, o Concello de Oímbra recupera as tradicións da vendima coa recreación do pisado de uvas no lagar rupestre de Xan Preto. Despois de dous anos sen celebrarse por culpa da pandemia, os veciños terán a oportunidade de desfrutar desta actividade na que moitos poderán coñecer a forma na que se obtiña o viño tradicionalmente, outros non farán máis que recordar vellos tempos.

No 2018, o Concello impulsou esta iniciativa que, tralo seu bo resultado, se repetiu no 2019 e logo tivo que parar. Este ano nada frea ós veciños de Oímbra e queren festexar as tradicións da viticultura, que é importante no municipio. Este 9 de outubro ás 12:00 horas comezará no lagar de Xan Petro esta recreación do pisado de uva, e o seu posterior prensado, para unir o patrimonio co mundo do viño.

Esta festa etnográfica busca ratificar a súa consolidación despois de dous anos sen celebrarse e de xuntar a máis de 200 persoas no 2019. Os cabalos tirarán unha vez máis dun carro cheo de vellos cestos con quilos e quilos de uva para pisar no lagar, para que a experiencia sexa o máis fiel posible ó que era antes.

 

Unha vez pisadas as uvas, porase en marcha o artefacto mecánico elaborado polo ebanista Antonio, réplica exacta do que se podía encontrar séculos atrás nalgúns lagares, para prensalas. Despois de todo o esforzo, verán as uvas convertidas nun viño obtido da forma na que o facían as xeracións pasadas.

A festa celebrarase nun dos lagares rupestres máis representativos de Oímbra, un do medio cento deles que hai espallados por todo o municipio. No 2016, o Concello e a Universidade de Vigo decidiron estudar as orixes do municipio e estes lagares supoñen unha riqueza etnográfica que queren potenciar.

NOTICIAS VERÍN | A vendima volve este domingo ás súas orixes no lagar de Xan Preto, en...