sábado. 27.04.2024
Vistas de Oímbra dende a capela de Santa Ana.
Vistas de Oímbra dende a capela de Santa Ana.

O Concello de Oímbra vén de aprobar no pleno ordinario de hoxe a redación definitiva do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible -PACES-, unha ferramenta de carácter técnico que ten como obxectivo avanzar na loita contra o cambio climático e o quentamento global no ámbito local.

No mes de xuño do 2020, o municipio xa se adherira ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, creado pola Comisión Europea no ano 2015, polo que se compreteu a redactar dito plan no prazo máximo de dous anos. "Pareceunos interesante adherirnos porque o cambio climático é unha realidade e entre todos podemos conseguir mitigalo", afirma Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra.

Agora, e trala a aprobación da subvención concedida pola Xunta de Galicia para estes efectos, foi presentada a redación do plan no que se inclúe unha radiografía da situación actual do municipio. "No documento foron incluídos estudos lumínicos, tamén dos sistemas de abastecemento así como outras actuacións que se levan feito no concello. E, por suposto, unha declaración de vontade de todo o que queremos levar a cabo de aquí en diante, como a mellora da depuradora ou a utilización de placas solares", engade a rexedora.

O obxectivo é, ata o 2030, reducir nun 40% as emisións de gases contaminantes, aumentar a eficiencia enerxética nun 27% e aumentar a utilización de enerxías renovables noutro 27%. "Nós, afortunadamente, ese obxectivo xa o temos practicamente cumprido", afirma Villarino.

Melloras no municipio

Nos últimos anos o Concello de Oímbra estableceu medidas que xa contribuían a este coidado do medio ambiente. Unha delas, foi o Plan de Incendios Forestais aprobado no 2019; así como o pioneiro Plan de Abastecemento Autónomo, que está sendo aplicado no municipio, co que se evita a perda de auga e se optimizan os recursos naturais.

"Tamén estamos elaborando nestes momentos un Plan de Seca que vai nesta liña, e pronto manteremos unha nova reunión coa confederación hidrográfica para mellorar a situación do noso río. Todo nun mesmo rumbo, no da sostibilidade e no de reducir efectos negativos no medio", conclúe.

NOTICIAS VERÍN | Oímbra aproba un programa de medidas fronte ao cambio climático