Os interesados teñen ata o 28 de outubro para pedilas

NOTICIAS VERÍN | Oímbra abre o prazo para solicitar axudas de libros e material escolar

Material escolar.

Na volta ó cole máis cara dos últimos anos, o Concello de Oímbra quere colaborar coas familias para facerlles máis sinxela o regreso dos estudantes ás aulas neste curso 2022-23. Hoxe abriu o prazo para a solicitude de axudas para libros e todo tipo de material escolar que poidan precisar en Infantil, Primaria e na ESO, que rematará o 28 de outubro.

O Concello destinará unha parte dos seus fondos para que o alumnado de estudos obrigatorios de Oímbra dispoña dunha axuda para afrontar este gasto, que neste ano se sitúa por enriba dos 400 euros por neno. "O obxectivo é alixeirar a carga que supón o comezo do curso escolar para as familias", sinala a alcaldesa, Ana María Villarino.

Os beneficiarios desta medida son todos aqueles estudantes de ensinanzas obrigatorias que estén empadroados no Concello de Oímbra, ao igual que a lo menos un integrante máis da unidade familiar. Esta axuda é compatible con calquera outra que se pida. A solicitude deberase entregar no Concello cunha serie de documentos esixidos para determinar a concesión e verificar os requisitos.

Os interesados dispoñen de máis información no 988 42 61 60 e na web do Concello de Oímbra.

Bando sobre as axudas escolares que xa se poden solicitar no Concello de Oímbra.