sábado. 20.04.2024
Mapa da superficie afectada polos lumes no sur da comarca. | FONTE: Copernicus.
Mapa da superficie afectada polos lumes no sur da comarca. | FONTE: Copernicus.

Os efectivos de extinción parece que van gañando pouco a pouco a loita contra os incendios no sur da comarca, na que xa se queimaron 3.100 hectáreas de monte. Na pasada noite, Medio Rural informou que o lume de Rabal e Mandín, que afecta aos concellos de Oímbra, Verín e Vilardevós, se estabilizou tras catro xornadas de intensos avances.

 

A última estimación de superficie afectada neste incendio, o máis devastador rexistrado na comarca, é dunhas 2.100 hectáreas calcinadas. O seu avance foi destrutor, poñendo en perigo os núcleos de Rabal, Mandín e Feces de Cima nas xornadas pasadas.

 

Por outro lado, os lumes de Videferre e San Cibrao, ambos en Oímbra, continúan estabilizados desde a noite mércores e pode que nas próximas horas se logre controlar algún deles se as condicións meteorolóxicas son favorables. No seu caso, o número de hectáreas afectadas non variou nas últimas horas e segue con 600 queimadas no primeiro e 400 no segundo.

 

Os tres lumes comparten a súa orixe, xa que cruzaron a fronteira desde Portugal para arrasar os montes do sur da comarca. Tamén nos tres, houbo que activar en varias ocasións o nivel 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ós núcleos de poboación.

 

Xa fóra da comarca, o lume da parroquia de Padroalbar, en Vilariño de Conso, cumpre unha semana activo e non frea o seu avance. A última actualización de Medio rural informa de 5.500 hectáreas queimadas, das cales preto da metade se corresponden con terreos do Parque Natural do Invernadeiro.

NOTICIAS VERÍN | Os incendios da comarca, estabilizados con 3.100 hectáreas ardidas