domingo. 28.04.2024
Presentación da XXVI Feira do Pemento de Oímbra.- O presidente do Inorde e deputado provincial, Rosendo Fernández, participa na presentación da XXVI Feira do Pemento de Oímbra, coa presenza tamén da alcaldesa, Ana Villarino Pardo e a concelleira Lorena Macía Bouzo. Sala de prensa do Pazo Provincial.
Rosendo Fernández, Ana María Villarino Pardo e Lorena Macía Couto, na presentación da XXVI Feira do Pemento de Oímbra.

A sala de prensa da Deputación de Ourense acolleu este mércores a presentación da XXVI Feira do Pemento de Oímbra, na que o próximo domingo, día 6, vanse preparar 1.500 quilos deste produto para a degustación dos asistentes, nunha cita gastronómica e festiva que tamén inclúe un amplo programa de actividades. Na presentación da feira participaron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino. 

Rosendo Fernández destacou o labor de "promoción e dinamización do produto local" que permite este evento, lembrando a condición de Festa de Interese Turístico Galega e a calidade recoñecida dos pementos de Oímbra ao estar baixo o amparo dunha Indicación Xeográfica Protexida. Coa colaboración do Inorde, como entidade adscrita á Deputación, esta feira enxalza "o rei da horta de Oímbra", dixo Fernández, poñendo en valor as súas particulares características, entre as que citou o seu sabor, textura, forma, lonxitude e peso. 

Ana Villarino subliñou pola súa banda as posibilidades culinarias que ofrecen estes pementos, "que agora vanse degustar fritidos, pero que a partir de final de mes e cando se tornen vermellos estarán listos para asar". Nesta liña apuntou que haberá unha exposición de pratos de cociña que teñan como ingrediente principal este produto, "grazas a trinta mulleres e homes do concello que voluntariamente fan estas preparacións e que logo se publican nun recetario"

A alcaldesa explicou que a produción de pemento no concello alcanza preto de 100.000 quilos, con 14 produtores adheridos á IXP "e co obxectivo de conseguir valor engadido mediante o impulso á transformación". 

A XXVI Feira do Pemento de Oímbra inclúe expositores con outros produtos da horta local, artesanía da zona e interrexional, viños da denominación de orixe Monterrei ou maquinaria agrícola. Ademais de actividades para a cativada e actuacións musicais, a xornada estará protagonizada polas degustacións gratuítas de pementos e unha comida popular con entrada. 

NOTICIAS VERÍN | Oímbra ofrecerá este domingo 1.500 kilos de pementos gratis