miércoles. 01.05.2024
O pemento volverá a ser a estrela da comarca o vindeiro 6 de agosto. | FOTO: Iván Iglesias.
O pemento volverá a ser a estrela da comarca o vindeiro 6 de agosto. | FOTO: Iván Iglesias.

O domingo 6 de agosto celebrarase a XXVI edición da Feira do Pemento de Oímbra, unha cita gastronómica de referencia en Galicia e que persegue exaltar o produto estrela deste municipio ourensán, que conta ademais cunha Indicación Xeográfica Protexida que vela porque os produtores respecten os máis altos estándares de calidade na súa elaboración e envasado.

Ana Villarino, a rexedora, convida a todos a achegarse ese primeiro domingo de agosto ata Oímbra e participar dunha xornada de feira e de festa arredor do produto estrela: "A nosa ubicación tradicional, a fermosa carballeira situada ao carón do Concello, xa de por si invita ás xentes a pasar un día en familia participando da degustación gratuíta da que disporán, xantando con nós e máis tarde quedando nas nosas fermosas piscinas".

pemento oimbra (169) (FILEminimizer)_Easy-Resize.com
Ana María Villarino, na pasada edición da Feira do Pemento. | FOTO: Iván Iglesias. 

A rexedora destaca a importancia da "horta, e especialmente dos pementos, na nosa economía" e valora esta Feira do Pemento como un "gran escaparate dos nosos mellores produtos, que levamos construíndo entre todos nos últimos xa 26 anos". Ana Villarino expón a necesidade de seguir "potenciando e divulgando" o pemento cun obxectivo nítido: "Avanzar na transformación da nosa agricultura para sumar valor engadido. Algo no que sempre este concello creeu, e máis agora, coa futura posta en marcha do noso polígono agrario, onde o pemento acapará grande parte da súa superficie".

NOTICIAS VERÍN | Oímbra quenta fogóns para a XXVI Feira do Pemento