miércoles. 24.04.2024
2021061618364714511
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, nunha reunión coa alcaldesa Ana Villarino.

O concello de Oímbra forma parte da listaxe de seis municipios elixidos pola Xunta de Galicia para levar a cabo un plan piloto de abastecemento autónomo. Un proxecto que botou a andar este ano por primeira vez, da man da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e de Augas de Galicia, que se vai encargar de toda a xestión. O obxectivo é garantir o abastecemento de auga potable a toda a poboación e dotar ao municipio dunha mellora na prestación do servizo. "Este plan está enfocado para concellos que non xestionan directamente as augas dos seus pobos. Dentro do concello de Oímbra, por exemplo en Bousés, igual que noutros moitos, é a asociación de veciños quen o xestiona", afirma Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra. "En moitas das localidades, as asociacións de veciños non cobran nada pola xestión da auga e outras cobran moi pouco. Isto tradúcese en moitas deficiencias e é necesaria a colaboración final do concello. Por iso, é un proxecto no que nos embarcamos ilusionados porque no abastecemento hai moito que traballar", engade.

Este proxecto axudará aos pobos a mellorar as deficiencias no abastecemento (Ana Villarino)

A elección do municipio resultou da presentación dunha candidatura que "elaboramos despois de poñernos en contacto con todas as comunidades de veciños, informarnos das súas deficiencias e despois de recoller tódolos investimentos que se levan facendo durante os últimos seis anos", conta a alcaldesa. 

Oímbra acompaña a Oia, Baleira, Mondariz, San Xoán de Río e Cercedo-Cotobade neste proxecto, que botará a andar previsiblemente o vindeiro mes de xullo e terá unha duración de 18 meses, cun investimento total de 900.000 euros.

NOTICIAS VERÍN | O Concello de Oímbra contará cun plan municipal de abastecemento autónomo