Os veciños do concello de Oímbra xa desfrutan do novo servizo da fibra óptica en case todas as aldeas. Polo momento, segundo afirma a alcaldesa, Ana Villarino, "xa son sete de dez nas que o servizo está completamente establecido. Agardamos que a finais de ano as outras tres tamén o poidan ter". Eses tres núcleos rurais son Espiño, Videferre e Rabal, que terán que agardar algún mes máis para obter todos os beneficios. "Nestes momentos é un servizo básico, ao igual que no seu momento o foron as estradas", engade a alcaldesa, que incide na importancia da velocidade e capacidade de conexión para traballar ou estudar coas mesmas condicións que nas cidades.
Un dos últimos en dispoñer da fibra é Bousés onde as familias xa están comezando a instalala, como Manolo Carrillo, natural de Barcelona e que pasa os meses de verán na aldea. "Nós fomos os primeiros en poñela, hai unha semana. A verdade é que nós chamamos a Telefónica para ter unha conexión por tarxeta, xa que non temos cobertura móbil. Pero cando veu o técnico, díxonos que había fibra, e non o dubidamos. Estamos encantados", afirma. "O mellor é que as películas non se cortan", engade, rindo.
Manolo Carrillo, primeiro veciño de Bousés en desfrutar das vantaxes da fibra óptica. | FOTO: M. D.
Arestora xa son catro as familias da aldea que fan uso deste novo servizo. Segundo afirmou a alcaldesa, está previsto tamén que a mediados do mes de outubro todos os centros sociais do municipio conten cun punto WiFi gratuíto para todos os veciños que queiran dispoñer del, un proxecto cofinanciado polos Fondos Europeos.