martes. 28.05.2024
A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, co conselleiro de Medio Rural, José González.
A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, co conselleiro de Medio Rural, José González.

Cheo total este sábado no centro social de Oímbra para recibir ao titular da Consellería de Medio Rural, José González. El e parte de seu equipo, acompañados pola alcaldesa Ana María Villarino Pardo, visitaran antes os traballos de desbroce na superficie que abranguerá o futuro polígono agrario do municipio, cunha extensión inicial estimada dunhas 22 hectáreas. 

Polígono Agrario - Oímbra
O conselleiro ofreceulles aos propietarios regularizar os títulos de propiedade de xeito gratuíto. 

Na reunión, na que participaron un cento de persoas, quedou acreditada a confianza que os propietarios dos terreos teñen depositada nesta nova fórmula que contempla a Lei de Recuperación para a Mobilización de Terras. Na xuntanza, moitos dos titulares presentes expresaron xa as súas opcións dos terreos, uns en réxime de alugueiro; outros optaron pola venda total da súa propiedade. O conselleiro de Medio Rural, José González, anticipoulles a todos eles que o seu departamento contribuirá cos gastos de regularización dos títulos de propiedade, xa que moitos dos propietarios acudiron con notas rexistrais a nome dos seus pais ou avós. "Incluso tentaremos que a consellería se faga cargo tamén dos gastos notariais para pór ao día as escrituras desas fincas afectadas polo polígono agrario", asegurou a rexedora local, Ana María Villarino Pardo. "Na reunión estaban moitos propietarios que, por diferentes razóns, aínda non tiñan actualizada a titularidade das súas fincas. Nesta zona xa se acometera hai décadas unha concentración parcelaria, por iso todos teñen títulos de propiedade. Pero moitos aínda están a nome dos seus pais ou avós, que faceleron, e no Rexistro de Propiedade non están debidamente actualizados os datos", explicou a alcaldesa Ana María Villarino. 

En redación o proxecto básico desta iniciativa



Nesta visita, o titular de Medio Rural, que viaxou coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, confirmou ademais que esta iniciativa do polígono agrario de Oímbra conta xa co estudo de viabilidade favorable e coa declaración de utilidade pública e interese social, polo que se teñen comezado os traballos de redación do seu Proxecto básico. O polígono abrangue unha superficie de case 22 hectáreas distribuídas en 72 parcelas correspondentes a 73 propietarios. A súa principal orientación produtiva é cara a cultivos de horta, como os da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Oímbra, e leñosos.

González lembrou que o obxectivo dos polígonos agroforestais céntrase na volta á produción de terra abandonada de extraordinaria calidade, como no caso de Oímbra, potenciando os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. Sinalou ademais que a iniciativa de levalos adiante pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto.

Nesta liña, a rexedora local, Ana María Villarino Pardo, confirmou que o seu Executivo xa traballa na posibilidade de pór en marcha outros dous polígonos agrarios no municipio: un que se adique en exclusiva á vide e outro, xa na montaña do concello, enfocado ao cultivo da castaña. 

Medio Rural satisfará os gastos de transmisión das parcelas do polígono agrario de Oímbra