domingo. 19.07.2026
Xunta e concello reúnense

Medio Rural analiza con Oímbra novas medidas de desenvolvemento e prevención do lume | NOTICIAS VERÍN

A conselleira do Medio Rural e a alcaldesa de Oímbra durante a reunión institucional.
A conselleira do Medio Rural e a alcaldesa de Oímbra durante a reunión institucional.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo un encontro institucional coa alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, co obxectivo de analizar as diferentes ferramentas postas en marcha pola Xunta para impulsar o desenvolvemento do rural e reforzar a prevención de incendios forestais no municipio.

 

Na xuntanza tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, e a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, quen revisaron cos responsables locais os recursos dispoñibles para mellorar a xestión do territorio e apoiar aos concellos nas tarefas de protección ambiental.

 

Entre os asuntos abordados destacou o estado do polígono agroforestal de Oímbra, que se atopa actualmente en fase de procedemento de concorrencia. Esta actuación permitirá recuperar 21,76 hectáreas de terra agraria útil, favorecendo o aproveitamento produtivo das parcelas e contribuíndo á dinamización económica do rural.

 

No ámbito da loita contra o lume, púxose en valor o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, unha medida que ofrece apoio tanto aos concellos como aos propietarios para realizar a limpeza das zonas máis próximas ás vivendas, reducindo así o risco de incendios.

 

Ademais, lembráronse outras accións e liñas de colaboración impulsadas pola Consellería para fortalecer a prevención e mellorar a coordinación municipal fronte aos lumes forestais, co obxectivo de incrementar a seguridade da poboación e protexer o territorio.

Medio Rural analiza con Oímbra novas medidas de desenvolvemento e prevención do lume |...