As mellores conversas nacen arredor dunha mesa e, desde agora, tamén dun micrófono. OU ké! estrea Entre Cuncas, un novo podcast conducido por Iván Olmos Ferreiro que aposta polo diálogo tranquilo, a palabra sen présas e as ideas servidas entre viño e algo de papatoria.
Este primeiro programa marca o ton do formato: charlas sinceras, afastadas do ruído e dos discursos prefabricados, nas que o importante é deixar falar. Para inaugurar a serie, Entre Cuncas conta con Carla Mañas, presentada como cómica e xornalista —aínda que ela mesma renegue da segunda etiqueta—, nunha conversa que percorre os límites do humor negro, a censura, a autocensura e os traumas persoais como contexto proclive á comedia.
A estrea de Entre Cuncas chega como unha invitación a sentarse, escoitar e participar dun espazo onde a conversa manda e o tempo se detén. Un novo proxecto de OU ké! que arrinca brindando pola palabra libre, e que non tivo mellor escenario que a adega Triay, no Concello de Oímbra.
