Xoves. 30.06.2022
Primeiros pementos de Oímbra deste ano 2022.
Primeiros pementos de Oímbra deste ano 2022.

Tivo que vir un limián, do concello dos Blancos, a facer experimentos a Oímbra e ensinarlle aos do lugar que outra solución ao seu produto estrela é posible. Xa non é preciso agardar ata finais do mes de xullo ou primeiros días de agosto para poder degustar un bo pemento local. José Rodríguez, ou mellor dito, a súa dona Eva Colmenero, que é quen se encarga de comercializalos polas feiras de xeito ambulante, xa teñen pementos, case dous meses antes do que nos tiñan acostumados o resto de produtores. 

El mesmo explicaba a esta redación que tiña a intención de producir fóra de tempada para manter o nome de Oímbra e do seu produto estrela durante o maior tempo posible no ano. Vén de conseguilo. As súas primeiras probas de cultivo no invernadoiro foron todo un éxito e xa pensa en ir anticipando a produción uns meses antes. "Teño medo nos meses de inverno, porque para poder producir terei que contar con quentadores dentro do invernadoiro, pero vendo que dalgún xeito se rachou ese maleficio que aseguraban que existía os veciños do lugar, de que o pemento nunca se dera nun invernadoiro, vou seguir facendo probas en meses máis fríos", asegura José Rodríguez Rodríguez. 

Primeiros pementos de Oímbra deste ano 2022.
Ata o de agora habería que agardar a finais de xullo para poder probar os pementos de Oímbra. 

José e Eva xa pensan tamén en mellorar o seu negocio e estudan a posibilidade de habilitar un espazo para almacén e envasado cumprindo todos os requisitos técnicos e sanitarios: "A medida que vaiamos obtendo resultados igual de satisfactorios, pretendemos ampliar tamén a superficie produtiva. Que mellor que comer os mellores pementos e facelo todo o ano, se se pode", aseguran.

A alcaldesa de Concello, Ana María Villarino, deulle os parabéns a estes produtores e afirmou que "é unha noticia moi positiva que se experimente con ampliar o periodo de produción dos pementos para tentar ter produto máis tempo no mercado e, polo tanto, incrementar os recursos que se obteñan del. O pemento de Oímbra aínda ten moito camiño por percorrer e aspiro a poder contar nun futuro non moi lonxano cunha industria transformadora dos mesmos". 

 

A José saíulle ben o experimento: Xa hai pementos de Oímbra!
comentarios