Oímbra Verán se deu en chamar o programa de conciliación para o periodo estival dos nenos do municipio. Foron máis de dous meses -en horario de 9,00 a 14,00 horas-, nos que máis de trinta rapaces do Concello consumiron as súas mañás de ocio en xullo e agosto xogando e disfrutando da man de dous profesionais do entretemento da cativada. As principais ofertas lúdicas proxectadas dende o consistorio que preside Ana María Villarino Pardo foron as actividades nas que a lingua inglesa foi protagonista, así como as de ximnasia.
Tamén houbo oco para a cultura e a historia. Os cativos de Oímbra tiveron oportunidade de visitar os lagares rupestres do municipio, que xa se poden percorrer en rutas perfectamente definidas. A visita ao centro de día da localidade achegounos a un colectivo que, por un día, foi un chisco máis feliz coa presenza dos nenos: os maiores.
Aínda que as actividades conclúen mañá venres, a visita da ludoteca móbil da Deputación de Ourense contribuiu a que hoxe se celebrase a festa de despedida deste verán, na que tamén estivo presente a rexedora do Concello, Ana María Villarino Pardo.