A mediados do mes de agosto, a comarca de Verín viviu un dos maiores infernos de lume da súa historia. A desfeita do incendio de Oímbra, que comezou na parroquia da Granxa e arrasou máis de 23 000 hectáreas, deixou a comunidade sen alento. Mais aló do lume e das súas devastadoras consecuencias, a veciñanza das Chás non esquece a grave imprudencia que dificultou aínda máis a loita contra o lume: o baleirado da presa das Chás, comezado 15 días antes da traxedia.
A cronoloxía dos feitos, relatada pola propia veciñanza, é alarmante. O 25 de xullo, un residente de As Chás alertaba de que o nivel da presa comezara a baixar sen motivo aparente; de verter auga por riba do muro, o nivel baixou arredor de 25 cm. Dous días despois, o 27 de xullo, a situación volveuse preocupante ao descender 20 cm máis. Ante esta situación, a veciñanza contactou coa alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, expresando o seu temor a que a presa quedase baleira nunha zona de alto risco de incendio e de alto valor ambiental. O día 29 de xullo Ana Villarino trasladaba á veciñanza a resposta da empresa concesionaria, que asegurou ter o "caudal ecolóxico controlado". Unha resposta que non tranquilizou a ninguén, e con razón.
E chegou o devastador incendio
O día 12 de agosto, o lume prendía en A Granxa e as súas chamas espallábanse sen control. O día 14 dous veciños achegáronse á presa "para ver se pode servir como posible punto de recollida de auga para o incendio" e a visión foi desoladora: o encoro estaba practicamente baleiro e a lama das ribeiras impedía calquera carga de auga. "Comprobamos que estaba practicamente baleira, con apenas medio metro de profundidade e as ribeiras imposibilitadas polo lodo para acercar calquera vehículo", relatan. En anos anteriores, este encoro serviu para que helicópteros e motobombas de extinción se abasteceran de auga para loitar contra as lapas xa que era o único punto accesible para estes medios na zona.
A indignación creceu cando os veciños falaron cos operarios que alí estaban, os traballadores explicáronlles que "son contratados por ENDESA cos permisos necesarios da Confederación Hidrográfica do Douro e de Medio Ambiente para baleirar o encoro co fin de facer tarefas de mantemento e limpeza". A veciñanza, impotente, insistiu e fixo saber que a auga que se deixara marchar era vital para apagar o lume nun momento no que os pobos non tiñan electricidade para usar a auga dos pozos particulares. A desfeita non só afectou ás persoas; tan só tres días despois, os peixes morrían boquexando na lama.
acuática, coa morte de miles de peixes, e á flora de ribeira. | FOTO: Cedida.
A pesares dos avisos da veciñanza, a empresa mantivo o baleirado ata que a presa se converteu nunha lameira. Unha auténtica desfeita que indignou á poboación e que, a pesar das xustificacións de “mantemento” dadas polos operarios, demostrou unha falta de empatía e un desprezo pola vida e polo medio natural. "Non houbo ningún tipo de empatía coa poboación necesitada de auga para sufocar o lume", afirman veciñas e veciños, mentres a empresa responsable do encoro non achega un só euro á poboación das Chás. Hoxe, os operarios seguen "limpando a presa", trasladando os lodos acumulados a zona descoñecida.
De quen é a responsabilidade?
A presa Río Porto do Rei Búbal, máis coñecida como presa das Chás, está ubicada no afluente do Támega, un río que foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) no ano 2004 e Zona de Especial Conservación (ZEC) no 2014. Situada nun entorno de alto valor ambiental, está destinada fundamentalmente á produción hidroeléctrica. O seu baleirado provocou unha severa alteración do equilibrio hídrico da zona, afectando á fauna acuática, á flora de ribeira e ao abastecemento de regadío e usos locais. Un baleirado que non foi comunicado publicamente.
A situación chegou ao Parlamento de Galicia da man do BNG, que presentou unha iniciativa para esixir á Xunta que tome medidas para restaurar os ecosistemas, que garanta que o encoro teña o volume de auga necesario en época de alto risco de incendios e que asuma as responsabilidades que se deriven desta xestión irresponsable. Para o partido nacionalista "a actuación neglixente das autoridades competentes é moi grave, tanto por parte da Confederación Hidrográfica do Douro, á cal pertence este curso fluvial, como da Consellería de Medio Ambiente, e por suposto de ENDESA, en tanto que empresa concesionaria do encoro".
Motivo polo que leva o desastre á Comisión 2ª do Parlamento de Galicia (encargada dos temas de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos) para preguntar á Xunta de Galicia se ten coñecemento de quen ordenou o baleirado, quen concedeu as autorizacións, se abriu algún expediente, se cuantificou os danos ambientais, ecolóxicos e sociais, e se tomou algunha medida para restaurar os ecosistemas.
