martes. 16.04.2024
sartego
Un dos sartegos que poderán apreciarse nesta segunda andaina ao Castelo de Lobarzán.

O equipo de investigadores que están a traballar no Castelo de Lobarzán, nos límites xeográficos dos concellos de Oímbra e Monterrei, pecharán este venres, dende as 18,30 horas, cunha segunda andaina polo recinto dos achados, a campaña inaugural dos traballos no lugar. Unha semana despois da primeira, pretenden, de novo, achegar a todos aqueles que lles poidan interesar os catro mil anos de historia que calculan poden contemplarse entre os dous outeiros, ademais de manter o obxectivo da confraternización, do desfrute da contorna e da paraxe e do intercambio de coñecementos entre os técnicos, arqueólogos e tamén veciños que participen.

O punto de encontro está fixado ás 18,30 horas no local social do núcleo de As Chas. Dende alí arrincará a expedición, subindo ata o lugar do castelo, por un traxecto que levará arredor de tres, horas ida e volta.

Os organizadores recomendan levar auga para as oportunas hidratacións, roupa cómoda e un calzado axeitado que lles permita sortear a maleza e os penedos do itinerario.

Derradeira oportunidade desta campaña para descubrir os achados do Castelo de Lobarzán