Xoves. 28.03.2024
Manuel Baltar, acompañado de Ana María Villarino, a alcaldesa de Oímbra, na presentación da XXV Feira do Pemento.
Manuel Baltar, acompañado de Ana María Villarino, a alcaldesa de Oímbra, na presentación da XXV Feira do Pemento.

O domingo 7 de agosto celebrarase a XXV edición da Feira do Pemento de Oímbra, "unha cita gastronómica de auténtica referencia en Galicia", en palabras do presidente da Deputación, Manuel Baltar, que reuniuse coa alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, para presentar esta feira, organizada polo Concello coa colaboración do goberno provincial.

"A Feira do Pemento de Oímbra enxalza un dos produtos estrela desta provincia, que conta cunha posición importante no mercado apoiado na súa calidade, o bo traballo colectivo e a vantaxe de contar coa Indicación Xeográfica Protexida", remarcou Manuel Baltar antes de incidir na importancia que teñen estes eventos gastronómicos para "reivindicar e impulsar o noso rural a través do sector primario, un motor fundamental de Ourense".

Pola súa banda, Ana Villarino destaca que esta edición supón a volta á normalidade despois de dous anos de pandemia -en 2020 celebrouse de xeito online e en 2021 nos bares-, recuperando "a nosa ubicación tradicional, a fermosa carballeira situada ao carón do Concello".

A rexedora destaca a importancia da "horta, e especialmente dos pementos, na nosa economía" e valorou esta Feira do Pemento como un "gran escaparate dos nosos mellores produtos, que levamos construíndo entre todos nos últimos 25 anos". Ana Villarino expón a necesidade de seguir "potenciando e divulgando" o pemento cun obxectivo nítido: "Avanzar na transformación da nosa agricultura para sumar valor engadido".

Programa de actos

A alcaldesa define a programación da Feira como "moi acaída, para resumir o sentir popular dunha festa deseñada para a veciñanza". Comezará ás 11,00 horas do domingo 7 de agosto, con postos de venta de produtos locais, artesanía e unha exposición de pratos de cociña elaborados polos veciños baseados no pemento. "Publicarase un receitario con todos os participantes", explica Villarino.

As 14:00 horas, celebrarse a comida popular. "Teremos pementos, pulpo, empanada, carne ao caldeiro, doces, viño da D. O. Monterrei... a entrada custa 15 euros e pódense comprar nos bares de Oímbra, no Concello e en dous establecementos de Verín. Ademais, haberá pulpeiras, un bar e degustación gratuíta de pementos ao longo de todo o día".

A Feira terá ambientación musical durante todo o día, protagonizada pola Banda de Bousés. Entre as actividades paralelas, actividades infantís, inchables gratuítos para os rapaces e unha concentración de coches antigos. "E como colofón, o concerto de Milladoiro ás 20:00 horas", completa Ana Villarino.

NOTICIAS VERÍN | Un concerto de Milladoiro pechará a XXV edición da Feira do Pemento de...