O vindeiro sábado 30 de outubro

NOTICIAS VERÍN | Albarellos retoma a celebración do seu Samaín

Unha parte da decoración do Samaín en Albarellos na última edición celebrada no 2019.

Despois dun ano de paro por mor do coronavirus, os veciños de Albarellos recuperarán os seus traxes máis terroríficos para celebrar a noite de Samaín baixo o lema de 'Xa podes correr'.

Será o vindeiro sábado, día 30 de outubro, ás 20:30h, cando se reúnan de novo na praza da localidade despois de abonar unha entrada de 1€ por persoa. Desta volta, organizados en grupos para evitar aglomeracións e poder seguir respectando todas as medidas sanitarias contra a Covid-19, das que forma parte esencial o uso da máscara.

Se a climatoloxía o permite, a celebración contará coa presenza dunha food truck e dun bar mentres soa música de baile para compartir xuntos unha das noites máis especiais do ano.

Pensando na cativada

Un dos colectivos que máis desfruta desta festa é a cativada, que tamén poderá formar parte dela esa mesma mañá, a partir das 10:30h, na Casa das Mulleres Rurais da localidade. Alí procederán ao baleirado de cadansúa cabaza para despois decorar o percorrido do xeito máis arrepiante posible. Ao remate, os cativos tamén poderán maquillarse acorde á ocasión. A actividade será de balde aínda que será preciso anotarse previamente no teléfono 649 748 127.