domingo. 19.07.2026
Posposta pola vaga de lumes, celebrarase coa confirmación de Tanxugueiras e os grupos principais do cartel orixinal

A romaría Ponte Farruca volve con forzas renovadas e novas datas | NOTICIAS VERÍN

image00001
"Ponte Farruca" consolidouse en tan só tres edicións nun referente da igualdade e da diversidade.

A romaría Ponte Farruca, unha das citas máis esperadas no calendario festivo estival da bisbarra, xa ten novas datas. Posposto por mor da vaga de incendios que sufriu o territorio en agosto, o festival celebrarase finalmente os días 25 e 26 de outubro. Un regreso con forzas renovadas que busca ser un símbolo de resiliencia para unha comarca que loitou incansablemente contra o lume.

A pesar do cambio de datas, a organización do festival puido manter os nomes máis potentes do cartel musical. Tanxugueiras, co seu formato en acústico, así como os grupos Unto vello e Alana manteranse como os pratos fortes do evento. O cartel de concertos completarase coa actuación de Señora DJ e Os Kokakolas.

Novas actividades

A nova programación de Ponte Farruca para os días 25 e 26 de outubro manterá actividades como a Tractorada Engalanada, o Cinema Rural, os Farruca dates e os Obradoiros de baile e cantos de taberna, asegurando dous días de celebración da cultura e a tradición popular. Tamén haberá cambios no programa de actividades, hai que ter en conta que se vai celebrar en pleno outono e a climatoloxía non é a mesma. A feira de artesanía e agrícola centraráse unicamente na artesanía, mentres que desaparecen a exposición de coches clásicos e a sección infantil Ponte Farruquiña. Porén, a organización da romaría está traballando para ofrecer algunha actividade á cativada.

Ademais, o festival sumará novas actividades como os Xogos Labregos e Reverdecer, unha clara aposta por seguir vinculados coa terra e o territorio. Reverdecer nace coa idea de dar unha nova vida aos montes calcinados; inda están perfilando a actividade final, pero a intención é facer unha plantación colectiva de árbores autóctonas e están buscando a colaboración de distintas entidades. Por outra banda, os Xogos Labregos incluirán as tradicionais carreiras de sacos e de carretillas, entre outras actividades para divertirse entre todas e todos.

A romaría Ponte Farruca volve con forzas renovadas e novas datas | NOTICIAS VERÍN