
Pasiño a pasiño, aínda que sen acordo expreso, a oposición lazana vai afondando na ferida que Xuntos por Laza abriu no pacto de Goberno da localidade cando votou en contra dos orzamentos para o ano 2020. Desta vez, no pleno deste xoves, e vía moción de urxencia presentada polo Partido Popular cos votos a favor do voceiro de Xuntos por Laza, aprobouse a redución das retribucións que tanto o alcalde como os membros da xunta de Goberno percibían, pasando dos 150 euros do primeiro e dos 100 do resto de concellais socialistas a 60 euros, tanto o rexedor como os seus edís. É dicir, o alcalde, Jesús Blanco Conde, recibía 150 euros pola súa asistencia a plenos ou xuntas de Goberno, e os concellais socialistas do seu grupo, os únicos que agora quedaban con atribución, 100. Dende hoxe, tanto o primeiro coma os segundos cobrarán 60 euros polas asistencias a pleno, e nada máis, porque tanto Populares como os representantes de Xuntos por Laza lles retiraron, nesa moción de urxencia, as competencias delegadas, isto é, calquera decisión que se tome no Concello que antes se podía aprobar na xunta de Goberno, agora será exclusivamente validada pola Corporación municipal en sesión plenaria.
Logo deste acordo no que un dos dous representantes de En Marea votaron a favor do plantexado polo PP, os tres edís socialistas -en evidente minoría- manteñen na teoría o goberno do Concello de Laza pero non poderán decidir sen o acordo do pleno, o que trasvasa de xeito real aínda que non orgánico o poder á oposición na Corporación.