miércoles. 09.10.2024
José Miñonez, o delegado do Goberno, co subdelegado en Ourense, Emilio González, na Brif de Laza este venres.
José Miñones, o delegado do Goberno, co subdelegado en Ourense, Emilio González, na Brif de Laza este venres.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou este venres que o Goberno investirá 3,8 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para crear en Laza unha das bases de prevención e extinción de incendios forestais "máis avanzadas e modernas" de España. Será a través da construción dun novo edificio e de servicios complementarios para atender as necesidades do persoal de prevención e extinción de incendios do Goberno integrante da Brif de Laza.

 

 

José Miñones desprazouse ata Laza para coñecer o traballo e preparación do persoal desta unidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e que forma parte dos medios estatais que se poñen a disposición das autonomías para a loita contra o lume. Alí estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o alcalde de Laza, José Ramón Barreal e o Xefe da Unidade Territorial de Tragsa en Galicia, Manuel Villarroel.

 

 

José Miñones avanzou que o proxecto está en redación e que estará rematado ao longo deste ano, para poder comenzar as obras en 2023. A nova base estará composta por un edificio principal, con dúas alturas, que albergará as dependencias necesarias para cubrir todas as necesidades da plantilla, estando dotada ademais de almacéns exteriores, un comedor exterior con cuberta e aparcadoiros. No que respecta á zona aérea, construirase unha torre de control e mellorarase a pista dotándoa de novos sistemas de seguridade.

 

 

Un dos equipos máis recoñecidos

José Miñones valorou o impacto positivo das Brif sobre o territorio "en dinamización económica, en postos de traballos directos e tamén na conservación dos recursos forestais que son fonte de recursos económicos para toda a zona", engadiu. Por iso, amosou o seu convecemento de que a mellora da base de Laza "terá un efecto dinamizador na comarca".

 

 

Sobre o persoal destinado a esta base, que suma 50 persoas, destacou a súa capacitación e experiencia de 18 anos, que fai que sexa un dos máis recoñecidos no conxunto de España. "O pasado verán foi relativamente tranquilo para esta brigada, con 21 saídas. Pero non é o habitual, lamentablemente. Estamos preparando xa o dispositivo para este verán, no que, como todos os anos, despregaremos medios e persoal de distintos ministerios para dar seguridade nos montes galegos", concluíu.

A nova base da Brif en Laza custará 3,8 millóns e as obras comezarán no 2023