O Concello de Laza segue a traballar na mellora da contorna da igrexa de San Xoán Bautista. Neste eido, a Xunta de Galicia vén de licitar a obra destinada ó seu acondicionamento por un importe de algo máis de 232.000 euros, tal e como recolle o convenio asinado o pasado mes de marzo entre o Goberno autonómico e o Concello.
As obras contan cun prazo de execución previsto de 3 meses. Unha actuación que consistirá na mellora do acceso á praza, na creación de espazos para peóns e zonas verdes, na impermeabilización do centro de emerxencias municipal e na habilitación dun espazo público na planta superior deste edificio.
En concreto, o acondicionamento da contorna da igrexa recolle traballos de construcción de canalizacións de augas pluviais, pavimentación das rúas, instalación do alumeado exterior, revestimento de fachadas, instalacións de mobiliario urbano e mellora do paisaxismo.
A zona atópase en pleno itinerario da Vía da Prata, polo que a actuación urbanística proxectada terá un impacto positivo sobre a imaxe que se levan os peregrinos ao seu paso por terras de Laza.