jueves. 25.04.2024
Brif Laza a Chile
Un equipo de tres bombeiros forestais partirá cara Chile na primeira misión internacional de axuda na que participa a BRIF de Laza. | FOTO: BRIF Laza.

Esta mesma tarde, tres bombeiros forestais da BRIF de Laza viaxarán ata Madrid para unirse ó equipo de axuda internacional que pón en marcha o goberno español por mor da desoladora vaga de incendios que está a sufrir Chile. Con máis de 200 lumes activos, 26 persoas falecidas e un milleiro de feridos, as autoridades do país andino solitaron axuda internacional ante a dificultade para controlar a terrible emerxencia provocada polos lumes.

Trátase da primeira misión internacional na que participará a BRIF de Laza. Dende o goberno español fíxose un chamamento de voluntarios a todas as BRIF do Estado; ante a masiva resposta positiva do persoal da BRIF, houbo que facer unha selección para compoñer unha expedición de 31 persoas entre bombeiros forestais, capataces e técnicos. Así, a BRIF de Laza achegará tres bomberios forestais ó equipo que formará a expedición de axuda internacional. "A resposta foi masiva porque é unha experiencia única a nivel persoal e profesional, van moitos menos dos que quixeramos", coméntanos un membro da BRIF de Laza.

En total, o goberno español mobilizará 31 profesionais, traballadores con demostrada experiencia, para formar a expedición que sairá dende Madrid para axudar na vaga de incendios que asolan Chile dada a magnitude da emerxencia. Mobilizaranse tres tipos de equipos de persoal, unidades especializadas que estarán desplazadas no país andino nunha misión que durará 20 días, dependendo de como evolucione a situación dos incendios.

NOTICIAS VERÍN | Un equipo da BRIF de Laza partirá cara Chile para axudar na...