domingo. 19.07.2026
Referente da igualdade no rural galego, celebrarase en Laza os días 15, 16 e 17 de agosto

NOTICIAS VERÍN | A Xunta suma forzas co Ponte Farruca e colabora co festival

En agosto celebrarase a cuarta edición do evento referente no compromiso coa igualdade de xénero e a diversidade sexual no rural. | FOTO: Noelia Caseiro.

A Xunta de Galicia únese á cuarta edición do festival Ponte Farruca e colaborará coa organización dun encontro musical e cultural que cumpre a súa cuarta edición. O evento, que se celebrará en Laza os días 15, 16 e 17 de agosto, está xa consolidado no panorama cultural galego como un referente no compromiso coa igualdade de xénero e a diversidade sexual no rural; un espazo de reivindicación, compromiso e diversidade.

 

O festival Ponte Farruca non é só unha cita lúdico-cultural, senón un espazo onde se mestura a música e a tradición co compromiso social.

 

A súa programación busca dar visibilidade aos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI nos espazos rurais, considerándoo parte esencial da transformación social. Para a Xunta de Galicia, esta colaboración exemplifica o traballo conxunto entre a Administración e os axentes sociais na promoción da igualdade e a diversidade sexual.

 

Durante os tres días do festival, as persoas asistentes poderán gozar dun amplo e variado programa. Ademais de numerosas actividades e obradoiros, o festival contará con concertos de destacados artistas do panorama musical galego e portugués, entre os que se atopan nomes como Tanxugueiras, Ibarraka ou o grupo de música tradicional Unto Vello. Tamén haberá o vibrante show drag de Lolamenta, que amosará a súa forza escénica con orgullo e creatividade.

 

A oferta complétase coa tradicional feira de artesanía e material agrícola, que funcionará como punto de encontro interxeracional, e a popular tractorada engalanada que encherá as rúas de cor e orgullo.

NOTICIAS VERÍN | A Xunta suma forzas co Ponte Farruca e colabora co festival