Venres. 29.03.2024
Juan Álvarez, na xuntanza de proclamación de candidatos, o pasado sábado 11 de marzo en Verín. | FOTO: Anabel G. Simón.
Juan Álvarez, na xuntanza de proclamación de candidatos, o pasado sábado 11 de marzo en Verín. | FOTO: Anabel G. Simón.

A militancia da agrupación socialista de Laza elixiu por unanimidade absoluta a Juan Ramón Álvarez Álvarez como candidato á alcaldía do municipio de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Casado en Matamá e con dúas fillas preséntase a estes comicios electorais motivado principalmente por loitar contra a “sangría demográfica” que vive o municipio. Foi precisamente a súa candidatura, apoiada pola secretaría comarcal do PSdeG, a que provocou que un dos concelleiros da formación no Concello de Laza, Ricardo Sobrino, decidise abandonar o partido pasando a formar parte, dentro da Corporación municipal, do grupo de non adscritos. 

Juan Ramón Álvarez, candidato á alcaldía de Laza polo PSdeG.
Juan Ramón Álvarez, candidato á alcaldía de Laza polo PSdeG.

O candidato do PSdeG-PSOE destaca como un dos principais obxectivos de traballo “a loita contra o despoboamento” e aporta datos que corroboran a situación, xa que tal e como explica “en 2000 en Laza había un censo de 2027 persoas, das cales 1014 eran mulleres e 1013 eran homes”, situación que segundo apunta “empeorou de forma drástica, xa que no último censo de 2022 atopámonos cun total de 1205 veciños, das cales 573 son mulleres e 632 homes”. Unha situación que para Juan Ramón Álvarez “vén a demostrar a grave crise demográfica dun concello que en apenas 20 anos perdeu un 50% da súa poboación”.

Ademais de reverter a sangría demográfica, o candidato socialista tamén se marca como outro dos obxectivos “escoitar a veciñanza e abrir o concello para que poidan trasladar as súas inquedanzas e suxestións”. Tal e como apunta “levamos tempo visitando todos os núcleos de poboación e falando coa veciñanza para coñecer como é o seu día a día, que necesidades ou carencias teñen e que cousas precisan mellorar, xa que consideramos que son parte importante a hora de confeccionar o futuro de Laza”.

Juan Ramón Álvarez subliña que para estas eleccións “contamos cun equipo de persoas con gran entusiasmo, gran capacidade e con moitas ganas de traballar día a día porque Laza medre e consiga reverter a súa situación demográfica”. Apunta tamén que “xa levamos tempo traballando na elaboración dun programa electoral real, eficiente e viable” e finaliza afirmando que “por todo elo, pedímoslle á cidadanía de Laza que depositen en nós o seu apoio para poder levar a cabo todos estes proxectos”.

NOTICIAS VERÍN | O verinense Juan Álvarez, candidato do PSdeG á alcaldía de Laza