Ricardo Sobrino Blanco será o cabeza de lista e candidato á alcaldía de Espazo Común nos comicios municipais do 28 de maio polo Concello do Laza.
Será esta a primeira incursión na comarca de Monterrei do partido creado hai tan só catro anos por Pachi Vázquez e que continúa así coa súa dinámica de expansión con listas xa espalladas por toda Galicia.
Sobrino é na actualidade concelleiro adscrito ao grupo mixto e a súa aspiración é acadar un Concello que estea máis aos problemas dos veciños e menos a disputas partidistas e de interesese persoais.
“Preséntome coa idea de incrementar a calidade de vida dos meus veciños e veciñas: mellorando os servizos de axuda aos maiores, creando emprego a nivel local para reverter o terrible proceso de despoboamento que sufrimos e, sobre todo, escoitando ao pobo e pondo á súa disposición tódalas ferramentas coas que conta a administración local para resolverlle os problemas” afirmou Sobrino.
Pachi Vázquez, pola súa parte, afirmou: “Sentímonos satisfeitos e orgullosos de contar en Espazo Común cunha persoa coma Ricardo Sobrino, quen amosou a súa integridade e compromiso con Laza non deixándose manipular e manténdose firme na súa postura, a mesma que temos no noso partido dende a súa fundación: primeiro os veciños”.
En datas próximas, Sobrino anunciará aos homes e mulleres que o acompañarán na candidatura e cos que agarda ser quen de construir un futuro mellor para os lacenses.