Venres. 29.03.2024
Máscaras de peliqueiro fabricadas por Paco Diéguez. | FOTO: Cedida
Máscaras de peliqueiro fabricadas por Paco Diéguez. | FOTO: Cedida.

Como xurde unha máscara na tradición? Como se fabrica? Son algunhas das preguntas ás que se intenta dar resposta na exposición 'Masques d’Europe Savoir-faire & imaginaires'. Unha mostra que xa se pode visitar na cidade de Vitré (Francia) e na que se percorren diferentes escenarios, dende festivais de inverno ata o entroido, nos que as máscaras son as protagonistas. Algunhas divertidas, outras enigmáticas e incluso, algunha aterradora. Todas elas encarnan unha verdadeira variedade de personaxes de crenzas populares que traen consigo moitas incógnitas sobre a súa orixe.

Cartel promocional da mostra 'Masques d´Europe', celebrada en Francia. | FOTO: Cedida

Cartel promocional da mostra. | FOTO: Cedida.

Un dos protagonistas da mostra, que acolle máis dun centenar de máscaras e traxes de nove países da xeografía europea, é o peliqueiro. A personaxe máis representativa do concello de Laza está acompañada doutro vello coñecido dos entroidos da provincia, o Boteiro de Viana do Bolo. Da man do artesán Paco Diéguez, natural de Matamá, esta máscara de peliqueiro percorreu centos de quilómetros ata chegar ao bo recaudo da escenógrafa Candice Moise, comisaria da exposición. “Cando Moise visitou o meu obradoiro amosou moita interese pola elaboración das máscaras e propúxome que lla fixera chegar ata Francia. Unha rematada e outra despezada para apreciar mellor os compoñentes e o xeito de elaborala”, conta Paco.

A mostra percorre toda a viaxe dende o taller do creador ata a mascarada, ofrecendo o descubrimento dos materiais, o saber facer e a imaxinación de quen as crea.Estou moi contento de que por fin poidera abrir a exposición. Xa hai varios anos que Candice coñeceu de primeira man o meu traballo pero, pola pandemia, tivo que retrasarse. Por aquel entón ela xa tiña en mente este proxecto”, engade. Estará aberta ao público, de maneira gratuíta, ata o vindeiro 21 de novembro.

O peliqueiro, protagonista dunha mostra internacional de máscaras en Francia