sábado. 20.04.2024
17,00 h.-           A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinará un convenio de colaboración co alcalde de Laza, José Ramón Barreal. Na sala de xuntas. 

foto xoán crespo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, co alcalde de Laza, José Ramón Barreal. | FOTO: Xoán Crespo.

A Xunta de Galicia e o Concello de Laza destinarán máis de 265.000 euros para o acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán Bautista, segundo o convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, José Ramón Barreal.

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, segundo explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Neste caso, os obxectivos que se perseguen son a mellora do acceso á igrexa, a creación de espazos para peóns e zonas verdes, a construción dun acceso á praza, a impermeabilización do centro de emerxencias municipal e a habilitación dun espazo público na planta superior deste edificio.

Ademais, a Igrexa de San Xoán Bautista encóntrase en pleno itinerario do Camiño de Santiago, concretamente na Vía da Prata, polo que a actuación urbanística proxectada na zona terá un impacto positivo sobre a imaxe que se levan os peregrinos ao seu paso polo municipio lazano.

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan hurbe, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. No caso da provincia de Ourense e ata o momento, xa foron executadas ou están comprometidas preto de 170 actuacións.

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

NOTICIAS VERÍN | Medio Ambiente investirá 265.000 euros na contorna da igrexa de Laza