O Pescados Rubén Burela de fútbol sala feminino proclamouse este domingo campión da Supercopa de España. Nas súas filas atópase a lazana Antía Pérez, que na súa primeira tempada co equipo lucense xa levantou un trofeo. A xogadora foi a encargada de abrir o marcador cun gol para o seu equipo, dun resultado final de 4 a 1, nun encontro que se disputou no pavillón Vista Alegre de Burela fronte ao MSC Torreblanca de Melilla e ante un milleiro de espectadores.
O equipo lucense participou nesta final tras gañar a pasada tempada a Copa da Raíña en Ourense, encontro desputado no pavillón dos deportes Paco Paz. Ese trofeo deulles o pase para participar na Supercopa de España e chegaron a este último partido tras vencer nas semifinais ao Atlético Navalcarnero, as actuais campioas da Liga.
Pérez incorporouse ao club de Burela o pasado mes de agosto e este é o seu primeiro trofeo coas lucenses. Anteriormente xogou no Sala Zaragoza, a onde chegou tralo seu paso polo Poio Pescamar. Neste último equipo estivo a piques de proclamarse campioa da Copa da Raíña e da Supercopa de España, pero finalmente o equipo non o conseguiu.
Formada nas bases do Ourense Envialia, onde debutou en Primeira División, no 2018 participou nos Xogos Olímpicos da Xuventude que se celebraron en Bos Aires. A Selección Española de Fútbol Sala Feminino logrou para España o bronce, pero Pérez regresou cunha grave lesión no xeonllo. Despois dun anos marcados por graves lesión, a lazana goza de estabilidade en Burela e comeza o 2023 do mellor xeito, cun trofeo.