Xoves. 01.12.2022
Os corenta e un terremotos rexistrados no concello de Laza nunha semana. | FOTO: Instituto Xeográfico Nacional
Os corenta e un terremotos rexistrados no concello de Laza nunha semana. | FOTO: Instituto Xeográfico Nacional

Os primeiros terremotos na nosa comarca foron rexistrados a finais do século XIX. Dende 1895 ata a pasada semana, no concello de Laza producíronse 26 terremotos identificados. Soamente nos últimos sete días, levan sucedidos 44. Un equipo do Diario do Támega vén de poñerse en contacto co Instituto Xeográfico Nacional para obter unha explicación desta estrana e pouco común actividade sísmica na zona. Teoricamente, a nosa comarca, queda fóra dos lugares de España con alta sismicidade.

Non debemos alarmarnos. Son movementos de moi pouca instensidade, dun tamaño medio baixo. Non é nada escandaloso (Javier Fernández, sismólogo do Instituto Xeográfico Nacional)

Os sismos son producidos polo movemento dos distintos estratos da terra e "esta actividade maior do que vén sendo habitual seguramente se produza por unha acumulación de esforzo", engade o sismólogo. Preguntámoslle, por tanto, se ese 'esforzo' podería estar derivado da construción do tramo da Alta Velocidade Española na zona. 

Habería que facer un estudo ben detallado. Se se están facendo movementos de terra moi grandes, extremadamente grandes, podería influír pero en principio non debería xa que todas esas obras están estudadas antes de ser realizadas (Javier Fernández)

Dende o concello de Laza coinciden na idea de que "As obras do AVE non teñen porque ter nada que ver. De feito, existe unha placa que cruza a zona e xa se fixeron as obras con máis reforzos e pensando nesta situación", afirma o alcalde, José Ramón Barreal. "En todo caso, eu penso que sería máis lóxico ao revés. Que o sismo inflúa nas obras", engade.

Algo que, para o sismólogo da Rede Sísmica tampouco é probable: "Non se están a producir grandes terremotos, as oscilacións na terra están sendo pequeniñas. Se se dera un terremoto bastante maior por suposto que podería ter consecuencias negativas, pero con esta intensidade, non".

Segundo os datos técnicos que temos, non ten maior risco e nós, as persoas do rural, admitímolo con certa normalidade. Tampouco temos que lamentar ningún dano material nin persoal, polo tanto estamos tranquilos (José Ramón Barreal, alcalde de Laza)

Dende o Instituto Xeográfico Nacional insisten en que hai épocas nas que aumenta a actividade sísmica sen que sexa motivo de preocupación. "Hai uns meses ocorreu en Navarra, agora tamén está ocorrendo en Granada algo similar ao de Laza. Está totalmente dentro da normalidade", afirma.

Cabe destacar que nos últimos sete días tamén se rexistraron movementos nas localidades de Vilar de Barrio, onde se contabilizaron catro sismos; e Sarreaus, onde ocorreron tres. Ámbalas dúas pertencentes á comarca da Limia pero moi próximas ao concello de Laza.

NOTICIAS VERÍN | Laza rexistra máis terremotos na última semana que dende que se teñen...
comentarios