Xoves. 28.03.2024
Fran Guede e Nerea Costa
Nerea Costa e Fran Guede, os dous mestres lazáns que viaxaron a Otawa grazas á beca do programa PIALE. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Xa é casualidade que dous profesionais do ensino nativos do Concello de Laza foran escollidos entre os 90 participantes do Programa PIALE da Xunta de Galicia que promove a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira do profesorado... ou non, cando a selección vén dada polos méritos de cada un deles. Nerea Costa e Fran Guede puideron formar parte dunha experiencia "moi positiva", sinalan ambos.

A experiencia moi boa para ambos mestres; unha oportunidade para mellorar as súas competencias lingüísticas, e moito máis, ó longo de un mes vivindo nas frías terras do Canadá. A beca permítelles asistir ás clases como oíntes, coa liberdade de participar cando quixeran. E Fran Guede non deixou pasar a oportunidade para falarlles dunha das cousas máis importantes da súa terra: "Gústanme os contos, así que comecei preparar historias para contarlles e faleilles do Entroido; tratando de aprender deles o máis posible e que para eles tamén fora enriquecedora a nosa presenza alí".

"Tivemos moita sorte de que nos escolleran, somos uns privilexiados", comentaba Fran Guede a ista redacción, "é unha inmersión lingüística total porque pasas 24 horas ó día con persoas anglofalantes, tanto nas escolas como nas casas das familias coas que convivimos. Ademais, é moi enriquecedor vivir a mezcla de culturas que teñen; hai inuits, esquimos, afroamericanos, mexicanos, irlandeses, paquistanís... un montón de nacionalidades diferentes que conviven e teño unha percepción moi positiva da inclusión que existe".

Nerea Costa é mestra de Inglés no IES Julio Prieto Nespereira de Ourense. A ela tamén lle chamou a atención a inclusión que existe nos colexios nos que estivo, subliñándoo como un aspecto moi positivo do que aprender. "Hai multitude de rapaces inmigrantes e fomentan moitísimo a inclusión; podías encontrar libros, contos ou cartaces falando doutros países e normalizando a convivencia das diferentes culturas dentro dun mesmo colexio". Cnado fala de inclusioón, Nerea Castro tamén se refire ás persoas con xordera: "Alí non van a un colexio específico para persoas xordas, todo o alumnado está na mesma escola"

Laza - Otawa
Máis de 5.000 km separan as terras de Laza das de Otawa, en Canadá.

Ela estivo en dúas escolas diferentes, nunha delas comprobou os enormes recursos cos que contan na ensinanza canadense. Nerea Castro contábanos, sorprendida: "Estiven nunha clase para inmigrantes onde aprendían inglés como segunda língua; entre eles había catro rapaces xordos e, na mesma clase, convivían unha mestra que daba clase, unha intérprete da linguaxe de signos, unha terceira mestra que os atendía de maneira individual por se tiñan algunha necesidade específica e que tamén sabía a linguaxe de signos. Ademais, había un cativo con problemas respiratorios serios e tiñan unha enfermeira na aula".

Fran Guede é mestre de Educación Física en Inglés no CEIP Amaro Refojo de Verín. Cando chegou, sorprendeuse ante os magnificos equipamentos cos que contan nas escolas de Otawa. "As instalacións eran espectaculares. En tódalas aulas había fornos, microondas, lavabos, mini laboratorios, billas... os seus corredores eran como as nosas aulas e as súas aulas eran o triple cas nosas; os ximnasios eran xigantescos". Ambos coinciden ó afirmar que, en Canadá, contan con moitos máis recursos que en España. "Estaban entrando, en todo momento, diferentes profesionais, axudantes e asistentes que nin os profesores sabían quen eran", continúa Fran Guede, "Para nós non é habitual, ó sumo pode entrar un compañeiro na clase".

O sistema educativo é ben distinto, explícanos Nerea: "Na secundaria, nós podemos ter 9 ou 10 asignaturas por trimestre; alí teñen catro, que son máis ben módulos que engloban varias cousas, e téñenas para todo o semestre. Cando comeza o seguinte semestre teñen outras catro materias diferentes. É dicir, os rapaces non están tan cargados de materias como podemos telos aquí". Para Fran o sistema permite máis liberdade á hora de traballar: "Non é o mesmo que ter 45 ou 50 minutos para impartir unha sesión e outra e outra... e ter que cambiar de aula, como facemos aquí".

Algo no que coinciden os dous é no feito de que en Canadá "son moi pausados e existe moitísima liberdade". Unha das cousas que máis lle chamou a atención é a permisividade que existe: "quen quere levantarse, levántase; quen quere saír da clase, sae; e se queren comer na clase poden comer, ou escoitar música ou durmir", cóntanos Fran Guede e continúa Nerea: "Chamoume a atención que tódalas mañás chegaban os mestres con neveiras cheas de bolechas e madalenas para repartir entre os rapaces que non podían permitirse traer comida ó colexio para os recreos; comíanse na clase e pareceume moi importante".

Canadá aparece no informe PISA, o que mide a calidade da educación por países, nunha moi boa posición. Nembargantes, ambos mestres tiveron a sensación de toman todo dun xeito moi pausado. "Algo no que coincidimos Nerea máis eu foi en que as persoas máis desfavorecidas estaban un pouquiño apartadas. O que se sube ó carro, ben; o que non da chegado, pois non da chegado. Hai moitísimas posibilidades de traballo porque é o segundo país máis grande do mundo e está moi pouco poboado; man de obra sempre se vai necesitar. Entón tiñamos isa sensación de: se chegas a estudar, ben; se non chegas, sempre vas ter traballo", explíca Fran Guede.

NOTICIAS VERÍN | De Laza a Otawa para aprender novas formas de ensino