sábado. 27.04.2024
concellodelaza
Casa consistorial de Laza.

O pleno do Concello de Laza vén de aprobar por maioría, coa abstención do PSdeG-PSOE e Xuntos por Laza, o seu orzamento para o 2024; un total de 2.397.812,41 euros que xerán xestionados polo goberno municipal. "Trátase do máis alto na historia do Concello de Laza", afirma o seu alcalde José Ramón Barreal, "con 936.812,41€ máis que o último proposto polo goberno bipartito".

Unha boa parte do mesmo será dedicado ó plan de humanización de diversas aldeas, que contará cun investimento de 669.952€ para obras de mellora e arranxo de rúas e para a creación de espazos públicos. Máis aló das obras, destinaranse 80.800 euros a actuacións de tipo cultural e lúdico; unha partida que o goberno municipal espera ver incrementada con axudas de diferentes administracións.

José Ramón Barreal subliña que: "É un orzamento realista e axustado á realidade económica do Concello de Laza que, niste intre, se atopa en débeda cero, tanto con proveedores como entidades bancarias, e dispón dunha liquidez en tesourería de 331.380,26€".

Parque móbil do GES de Laza. |  FOTO: cedida.
Parque móbil do GES de Laza. | FOTO: Cedida.

O servizo de axuda no fogar contará cuns 438.000 euros; a intención é "ampliar a plantilla de persoal polo menos en 4 ou 5 traballadoras, motivo polo que se destina unha cantidade récord ao servizo", aclara o alcalde de Laza. Por outra banda, o Servizo de Emerxencias e Protección Civil terá un presuposto de 289.571,43€ para seguir ofrecendo unha atención continuada, as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Persoal, a partida máis alta

A maior partida orzamentaria é a destinada ó persoal do Concello de Laza. Un total de 1.093.355,74€ para sufragar as nóminas dunha plantilla formada por 38 traballadoras e traballadores, das cales o 90% son funcionarios ou persoal laboral fixo. "Posiblemente sexa a maior satisfacción que me produza como alcalde ó aprobar este orzamento: conseguir a fixeza laboral e a estabilidade profesional de todos os traballadores", asegura Barreal.

A maiores, o presuposto do Concello de Laza para o 2024 conta con investimentos xa comprometidos por outras administracións por un importe de 896.000€. Unha cantidade que o alcalde espera ver incrementada "con proxectos que están pendentes de resolución e dos que ata a data temos boa información e firme esperanza de conseguilos".

NOTICIAS VERÍN | Laza contará no 2024 cun orzamento de case 2'4 millóns de euros