jueves. 25.04.2024
O cartel do entroido deste ano 2021.
O cartel do entroido deste ano 2021.

Comisión do Entroido de Laza 2022, en colaboración co Concello, vén de facer públicas as bases do concurso para elixir o cartel promocional desta festa popular no vindeiro ano. 

Un certame que estará aberto a todas as persoas interesadas en participar sempre e cando o fagan a través de fotografías inéditas -propias ou debidamente cedidas- podendo presentar ata un máximo de dúas propostas. Nelas, deberán estar incluídas as datas da celebración -4, 11, 18, 24, 25, 26, 27 e 28 de febreiro- e maila distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Todos os interesados deberán enviar as súas propostas ao email [email protected] -especificando datos persoais e lema- antes do día 19 de decembro, data límite de participación. A técnica de realización será libre e o gañador contará cun premio en metálico de 100 euros.

Para seren aceptados a concurso, tal e como consta nas bases, os carteis presentados polos participantes deben seguir a temática entroideira dende o respeto á tradición e á historia desta festa, así como ás personaxes e á cultura da localidade, sendo rexeitada calquera obra que menosprece o seu valor histórico e patrimonial.

Elección do gañador

Os carteis participantes serán expostos no Salón de Actos do Concello de Laza entre os días 24 de decembro e o 1 de xaneiro de 2022, día no que se dará a coñecer o vencedor. Este último resultará das votacións da Comisión do Entroido e tamén dos veciños e visitantes que se acheguen ata Laza, quen poderán depositar o seu voto, de xeito anónimo, na obra que máis lles guste. Tamén se poderá exercer a través dunha enquisa en liña.

NOTICIAS VERÍN | Laza abre o concurso para elixir o cartel do Entroido 2022