NOTICIAS VERÍN | Latexos do Rural peregrina ata Laza, a última parada do 'Camiño'
Despois de tres semanas frenéticas espallando cultura por varios municipios da comarca, chega a fin de festa de Latexos do Rural no Camiño. O evento, creado polo actor e director Rubén Riós, está baseado nunha 'peregrinación' artística co telón do Camiño de Santiago de fondo. Os protagonistas son varios artistas locais expertos en poesía, pintura, fotografía, teatro, música e moda, que xa agasallaron toda a súa arte pola Mezquita, Riós e A Gudiña. A 'etapa' final, terá lugar este vindeiro sábado, día 26, no concello de Laza.
A praza da Picota e o salón de actos da casa consistorial xa se están a preparar para acoller esta nova xornada que vai abrir as súas portas ás 11:00h. A exposición de pintura de Paulinha D´Arzoá, na praza da Picota, e a de fotografía de Ramón Fernández, na Casa do Concello, estarán a disposición dos visitantes durante toda a xornada. Unha hora despois do comezo, no mesmo lugar, terá cabida o recital de poesía de Carmen Rivero, coa performance artística de D´Arzoá.
Xa en horario de tarde, ás 18:15h, toma o testemuño Santi Cañaveral que presentará, no salón de actos, unha peza inédita de teatro. A festa vai estar amenizada, dende as 19:00h, polo concerto do Conservatorio Profesional de Música de Verín e, para rematar, poderán contemplar as creacións de moda do deseñador Jorge de Álvarez no seu orixinal desfile.