lunes. 15.04.2024
A limiá Mirian Opazo participa cunha curta sobre o Entroido de Laza no Festival de Cans. | FOTO: Noelia Caseiro.
A limiá Mirian Opazo participa cunha curta sobre o Entroido de Laza no Festival de Cans. | FOTO: Noelia Caseiro.

Do 16 ao 20 de maio celébrase en Cans (Porriño, Pontevedra) un dos certames de curtametraxes máis destacados de Galicia e o Entroido de Laza estará representado nel. O Festival de Cans, que este ano cumpre 20 anos, acollerá a estrea neste tipo de eventos da curta "Ningún deus", da limiá Mirian Opazo, que xira en torno aos peliqueiros.

Esta produción compite xunto a outras nove na sección oficial de non ficción, na categoría denominada "Furacáns". A presenza de "Ningún deus" neste apartado do festival foi toda unha sorpresa para Opazo. "Foi curioso porque eu mandei a curta á categoría de Novas Camadas, pero chamoume Alfonso Pato, o director do festival, para dicirme que lles gustara moito e pensaban que tiña un puntiño máis, polo que me puxeron na sección oficial de non ficción", explica. Deste xeito, a limiá competería con outras curtamentraxes en Cans, nunha categoría na que as mulleres teñen unha gran representación.

"Ningún deus" é a curtamentaxe que elaborou como Traballo de Fin de Grao na Universidade de Salamanca, onde se está a formar. O Entroido de Laza e o traxe do peliqueiro son o principal motor desta peza audiovisual, na que o de Xinzo tamén ten un pequeno espazo. "É unha curta sobre a construción da identidade a través da máscara tradicional do entroido de Laza dende os días previos, cando se preparan, ata o Domingo de Estrea", conta.

Este non é o primeiro traballo no que as súas raíces lle serven de inspiración. O pasado mes de novembro, Opazo gañou un dos premios Xuventude Crea pola súa curta "Retratos do silencio", inspirada na súa aldea materna, Escornabois, en Trasmiras. "Eu na carreira, cando había que facer un traballo libre, sempre tiraba para a casa, inspirándome en cousas da miña terra", sinala. No caso de "Ningún deus" foron Laza e o entroido.

Esta curta, que gravou no 2022, é especial para ela. "Foi un traballo de bastante tempo e téñolle moito cariño", apunta. Para a familia e o rapaz que colaboraron con ela só ten palabras de agradecemento. Ademais, no entroido deste ano proxectouse esta curta en Laza.

Cartel da curta "Ningún deus" de Mirian Opazo.
Cartel da curta "Ningún deus" de Mirian Opazo.

NOTICIAS VERÍN | Unha curta sobre o Entroido de Laza participa no Festival de Cans