luns 17/01/22
Durante as próximas dúas semanas, exclusivamente por medios terrestres

NOTICIAS VERÍN | A BRIF de Laza comeza a campaña de loita contra os incendios forestais

E0kXymvWUAUyqE-
Os efectivos da brigada de Laza nun dos incendios da pasada campaña. | FOTO: BRIF Laza

Entre o crepitar, o olor a combustión e o latexo contra as cordas ao máis mínimo erro, non hai demasiado tempo para pensar. Tan só unha idea rolda a cabeza, a de acabar co inimigo que non deixa de arder. Unha vez librada a batalla, despois de varias horas, respiran tranquilos. Falamos duns heroes sen capa pero cun traxe que nada ten que envidiar á anterior.

Esta semana, os brigadistas son os protagonistas desta historia que cada verán se repite e que é tan necesaria para os nosos bosques. Os efectivos da BRIF de Laza deron comezo a unha nova campaña de loita contra os incendios forestais. Durante estes últimos días de xuño, de ser precisa a súa intervención, terá lugar exclusivamente por medios terrestres. O primeiro día do vindeiro mes, súmase o traballo en aeronave coa dispoñibilidade dos dous helicópteros habituais. Os grandes aliados dos brigadistas contra os lumes, cos que poden atravesar media España, en cuestión de minutos. "Son moi importantes porque o tempo nestes casos sempre xoga en contra", afirma Cristóbal Medeiros, bombeiro forestal da Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais de Laza.

9D1B8D98-C433-4A73-B54F-5E584EDA11BAEfectivos da BRIF de Laza. | FOTO: BRIF Laza.

Na realidade, esa loita continúa durante todo o ano aínda que para o resto de mortais, pase inadvertida. A campaña oficial de extinción dura cinco meses, de xuño ata outubro, pero "o resto de meses adicámonos a facer tarefas de prevención. Faixas auxiliares, cortalumes, limpeza de pistas. Tamén queimas controladas, todo o que se precise para evitar que nos meses de máis calor haxa máis incendios dos que de normal hai. Estamos en activo durante todo o ano", conta Cristóbal.

Máis dun preguntarase entón por que os vimos en acción en algo totalmente contrario ao que nos teñen acostumados: as grandes nevadas. Cristóbal responde: "Dende o ano pasado o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ao que pertencemos, ampliou as nosas competencias. Agora podemos intervir en calquera desastre natural sempre e cando activen a nosa colaboración, que é competencia das comunidades autónomas".

9BDDDCB9-0E2B-42FE-87F0-78BF58B1FCD0Varios efectivos e un dos helicópteros de extinción. | FOTO: BRIF Laza.

Para realizar o seu traballo, perigoso, faise necesaria unha constante formación, física e teórica. "Durante os días que non temos que saír da base facemos dúas horas de preparación física e analizamos os incendios pasados. Todos, absolutamente todos, están gravados. Visionámolos moitas veces, identificamos erros e anotamos aspectos a mellorar", engade Cristóbal. Tamén se forman en novos tipos de incendios que, igual que un virus, mutan e son realmente virulentos. "Dende hai un tempo, preparámonos para incendios máis impredecibles, os chamados de 'sexta xeración'. Son demasiado agresivos, porque a súa velocidade de propagación é incriblemente alta. Tamén inflúe que a poboación é máis maior, non se limpa tanto e o monte está moi preto das casas. Este cóctel é perigosísimo", conclúe.

Outro factor fundamental é a meteoroloxía. "Cada día estamos pendentes do tempo, é moi difícil predecir que vai pasar, pero si que temos algunha noticia de que estes meses van ser demasiado calorosos". Un escenario nada propicio para un 'verán tranquilo' dos brigadistas que, en cada campaña, acoden a unha media de case un cento de lumes. "Somos a base BRIF que máis incendios cóbre de toda España. En Galicia, das helitransportadas, estamos entre as tres primeiras seguro. Este ano pasado interviñemos en algo máis de 70. Pero teño chegado a ir a máis de 100", conta Cristóbal, mentres fai memoria do que afirma, "é o episodio máis triste e duro da pasada campaña e da miña carreira en xeral".

DSC_1342 (FILEminimizer)O hidroavión que se estrelou o 8 de agosto do 2020. | FOTO: Noelia Caseiro.

Ocorreu o 8 de agosto do 2020 cando acudían á extinción dun incendio na serra do Xurés. "Marchamos pensando que iamos a un incendio normal. Chegamos e vimos unha columna de fume, pensamos que era outro foco, pero desgraciadamente era o resultante dun hidroavión que se estrelara con dous pilotos dentro. Solicitamos os servizos médicos de emerxencia pero todo estaba na nosa contra, era unha zona de moi difícil acceso e o helicóptero medicalizado non estaba dispoñible. Así que, sen dubidalo, fíxenlle a reanimación a un dos pilotos que se desplomara diante de nós. Ao chegar os médicos, non poideron facer nada por salvarlle a vida e o outro faleceu un mes despois. Marcoume demasiado", lamenta, moi consternado.

Un día na acción

É un día calquera na base da brigada de Laza. De repente, soa unha serea. Son os emisoristas, encargados de recibir a mensaxe de alerta. Hai un incendio e precisan axuda da BRIF. Rapidamente, unha das formacións de 18 brigadistas (un técnico, dous capataces e quince bombeiros especialistas) colle o equipo de protección individual e prepárase para saír. Mentres se visten, preguntan a onde se dirixen. Afirman que non é o mesmo auxiliar un incendio en Verín que, por exemplo, en Segovia. Preparan as ferramentas: instrumentos de corte, batelumes, mochilas extintoras... motoserras e máis variedade se acoden lonxe. Introducen víveres básicos pensando en que poden pasar horas sen regresar á base, incluso medio día. "Este proceso así explicado con palabras parece eterno pero é cuestión de minutos", conta Cristóbal.

Divídense neste punto en dous grupos de 9, cada un nun helicóptero. "En dez minutos, cando nos damos conta, xa estamos no aire. Despois só é chegar, aterrar e dar a mellor parte de cada un de nós ata que estea controlado. Poden ser minutos, horas ou incluso días e precisar que outra das formacións de 18 compañeiros que está na base, de garda, nos veña substituír", remata Cristóbal, un home de 34 anos que leva media vida (16 tempadas en concreto) adicado a esta profesión e que, según di, "é algo que me encanta e teño moita sorte de vir contento cada día ao meu posto de traballo. Non todo o mundo podería dicir o mesmo".

98F9D53E-29B5-4B8A-8FE2-05CEBE03415CVarios brigadistas durante a extinción. | FOTO: BRIF Laza.

NOTICIAS VERÍN | A BRIF de Laza comeza a campaña de loita contra os incendios forestais
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade