Martes. 19.03.2024
O alumno Eilán González, do CEIP O Castiñeiro de Laza, recolle o segundo premio do certame 'Imaxes do Patrimonio' en Vigo.
O alumno Elián González, do CEIP O Castiñeiro de Laza, recolle o segundo premio do certame 'Imaxes do Patrimonio' en Vigo.

Elián González, cativo de sexto de primaria do CEIP O Castiñeiro, en Laza, está de parabéns. Hai uns días, foi galardoado co segundo premio no certame 'Imaxes do Patrimonio', organizado pola asociación cultural e pedagóxica Ponte nas Ondas de Vigo e no que participa, cada edición, a cativada dos centros de ensino de Galicia e do norte de Portugal.

A través de fotografías antigas, anteriores ao ano 1960, o certame fai un percorrido pola historia cultural e inmaterial de Galicia. Coa súa instantánea do 1911, que retrata ao seu tataravó, Luís Sabariz, vestido de militar en Melilla, Elián resultou segundo clasificado, tal e como se ratificou o pasado martes na entrega de premios na cidade olívica. 

74197F93-C56A-4544-A788-4B03080D930E

A fotografía que Elián González presentou do seu tataravó militar en Melilla.

"Os 37 alumnos e mailo profesorado acudimos ao Centro Cultural e Veciñal de Valladares a recoller o seu premio, unha tableta. Aproveitamos tamén para facer outras actividades educativas que reforzaban o que estamos a traballar nas clases", afirma a súa mestra, Ana Boo.

 

Para iso, fixeron un percorrido didáctico polo Museo do Mar de Vigo, onde realizaron actividades de estimulación cos máis pequenos do centro, e pola Fundación Sales, recentemente convertida nun xardín botánico, onde puideron achegarse a moitas variedades e especies de prantas, sementes ou froitos. Remataron a tarde cun taller de micoloxía impartido por dúas estudantes da Universidade de Vigo. 

Un cole activo

Non son estas as únicas actividades que o centro ten previsto desenvolver durante o actual curso. "Para nós é moi importante, ademáis da formación, que os cativos adquiran coñecementos doutros ámbitos. Arestora estamos aplicando dous proxectos no centro que consideramos esenciais xa que teñen que ver coa saúde", incide Juan Luis Rivero, director do centro.

Fala dos programas 'Aliméntate ben' e 'Proxectos de Vida Activa e Deportiva'. "Con estas dúas actividades, conseguimos que os rapaces coman froita cada día no recreo, se afasten do azucre e os ultraprocesados, e fagan actividade física. Antes de comezar as clases, camiñamos ou trotamos ata chegar a unha milla de percorrido", engade o director.

Un percorrido que, dentro de pouco, os trasladará a un dos escenarios máis representativos da nosa comunidade. "A nosa intención é enfocar esta actividade no Camiño de Santiago xa que estamos en pleno ano Xacobeo. Pretendemos converter cada milla en quilómetros desa ruta e, se todo vai ben, o último tramo será levado a cabo na propia Compostela cunha etapa real que finalice na praza do Obradoiro", conclúe a mestra.

NOTICIAS VERÍN | Un alumno do CEIP de Laza triunfa nun certame de imaxe histórica coa...