Laza terá o vindeiro sábado un Goberno municipal de esquerda
Remata a era popular no Concello de Laza. José Ramón Barreal Novo deixará o cargo de rexedor municipal o vindeiro sábado en favor do socialista Jesús Blanco Conde, quen co apoio dos dous edís acadados polo candidato de Xuntos por Laza (En Marea), Jorge Lorenzo Vila, será o novo alcalde. A primeira das medidas, renunciar á adicación exclusiva da que gozaba o popular.
Aínda que o pacto se daba cáseque por seguro ás poucas horas de coñecerse o resultado dos comicios do pasado 26 de maio, non foi ata este sábado cando se consumou e acordou a alianza entre os dous representantes das forzas de esquerda no Concello de Laza, Partidos dos Socialistas de Galicia PSdeG-PSOE, e Xuntos por Laza, de En Marea.
Jesús Blanco Conde, ex director provincial da Seguridade Social, será o vindeiro alcalde de Laza en substitución de José Ramón Barreal Novo (PP).
Como así confirmou Jorge Lorenzo Vila, candidato á alcaldía pola última das formacións, o acordo con Jesús Blanco Conde, a opción renovadora dos socialistas para o Concello de Laza, "está pechado, e aínda que quedan cousas por perfilar, a síntonía entre ambos é total e o vindeiro sábado este municipio terá un goberno de esquerda", sinalou. Lorenzo Vila ocupará a tenencia da alcaldía e o exdirector de Instituto Nacional de la Seguridad Social en Ourense, Jesús Blanco, será o vindeiro alcalde en substitución de José Ramón Barreal Novo, do Partido Popular.
CINCO EDÍS FRONTE A CATRO DOS POPULARES
Así, ambos farán valer a maioría de votos e edís que obtiveron o pasado 26 de maio, con 3 actas de concellais o PSdeG-PSOE e 2 Xuntos por Laza. Os 432 votos que colleitou Barreal Novo para o Partido Popular proporcionáronlle 4 representantes, insuficientes para manter a maioría de Goberno no Concello de Laza.
A primeira medida que tomará o novo Executivo local será a de anular a adicación exclusiva que como rexedor se asignará José Ramón Barreal. "Ningún de nos os dous terá adicación exclusiva", precisou Jorge Lorenzo Vila.