jueves. 25.04.2024

A Asociación Enlazados, de Laza, vén de facer públicas este xoves as bases para a selección do que será o cartel que anuncie o entroido do 2023. A participación neste concurso está aberta a todas e todos aqueles que queiran implicarse, sempre que se cumpran os requisitos expostos; podendo presentarse un máximo de dúas obras por participante.
É condición indispensable para a participación que esas obras sexan inéditas, isto é, que nunca antes foran expostas.

O tema, como non podería ser doutro xeito, será o Entroido de Laza, e no cartel deberá engadirse a lenda "ENTROIDO DE LAZA 2023".

O formato será único e vertical, cunhas dimensións de 50x55 centímetros, aos que se lles engadirá á marxe unha franxa de 15 cm cos oportunos logotipos de patrocinadores e organización. 

Requerimentos

Deberase respectar a tradición e historia do Entroido lazano, así como as súas personaxes e a cultura da aldea. As imaxes que se presenten no cartel serán do autor do mesmo ou debida e expresamente cedidas para o seu uso. Aqueles carteis que menosprecen ou aldraxen á Festa ou ás súas costumes serán inmediamente anulados. A organización non permite que os concursantes fagan publicidade da súa oferta nas redes sociais, para así respectar o anonimato dos autores. Se se detectase dita publicidade, o cartel quedará descalificado. 

Onde entregalo

A obra poderá enviarse ao enderezo electrónico [email protected]. No asunto do mesmo deberá figurar "CONCURSO CARTEL ENTROIDO 2023" e no texto do correo deberán inserirse o nome e apelidos do autor, o seu enderezo completo, un número de teléfono de contacto e o alcume co que será presentado. 

Os formatos aceptados son .jpg, .tiff, .pdf, .ai, .eps, .psd con calidade de impresión a 300 ppp. Será obrigatorio enviar o cartel en tres formatos (Imaxe JPG, PDF, e no formato da edición no caso de ser .ai, .eps, .psd). A data límite para participar será o vindeiro 20 de novembro de 2022. E o gañador levará un premio en metálico de 200 euros, ademais de ver como o seu traballo acaba espallándose por todo o planeta como cartel anunciador do Entroido de Laza 2023. 

Os carteis presentados serán obxecto de exposición no Salón de actos do Concello de Laza (ou noutro local que facilite o consistorio, que será anunciado no momento), entre os días 26 de novembro e 10 decembro do 2022 (incluídos). O cartel gañador coñecerase un día despois. 



 

Laza busca dende hoxe ao mellor cartel do Entroido 2023