Xoves. 28.03.2024
Antroido Matamá 2023_cartaz
Cartaz do Antroido de Matamá 2023 homenaxeando as Madamas.

Se pasas pola aldea de Matamá á noitiña, de seguro atoparás as Madamas e os Maragatos percorrendo as súas rúas. Este ano, a veciñanza de Matamá quixo render homenaxe ás súas tradicionais figuras do Entroido facéndoas protagonistas do seu cartaz. Non cabe dúbida de que o Concello de Laza mantén a tradición das ancestrais celebracións a Don Carnal. Matamá, Castro e a propia localidade de Laza son tres dos entroidos máis festexados na bisbarra.

En tempos, a veciñanza da aldea de Matamá vestía con sabas, colchas, saias, pantalóns de sastre e toucas para formar a comparsa e dirixirse cara Arcucelos e Retorta para facer o Entroido. Unha tradición que foi perdendo folgos e que, este ano, teñen intención de recuperar, xuntando a veciñas e veciños na Praza do Cruceiro de Matamá para recrear a festa dos seus ancestros. O día elexido é o Domingo de Entroido, 19 de febreiro, a partir das 16:30 horas.

Son ben coñecidos os folións na nosa terra; en Matamá celebraranse as noites dos sábados a partir das 23 horas. O primeiro folión terá lugar o 28 de xaneiro, cos Bombeiros de Vences. O sábado 4 de febreiro, o 2º folión estará acompañado co son dos Chimpafigos - Dragóns Vermellos. Por último, o 3º folión será o sábado 11 de febreiro, coa música de Candaira. Tempo de foliada para percorrer as rúas da aldea animando a veciñanza para celebrar a festa na honra de Don Carnal.

A cea das Comadres, na noite do xoves 16 de febreiro, dará paso a un sábado de Entroido con cea e baile popular amenizado polo Dúo Chic. Os Peliqueiros estrearanse o domingo de Entroido, día no que, tamén, recuperarán a tradición das comparsas coa música da charanga Bicoia. O luns de Entroido é o día reservado para a Morena, as formigas, a fariña, o burro e a Albarda. Con tristura, remata o Entroido de Matamá o martes, día 21 de febreiro, co Testamento do Burro e a comparsa cos sombreiros de papel.

ENTROIDO 2023 | Matamá enaltece as Madamas nun Entroido que quere recuperar as...