sábado. 27.04.2024
PSDG LAZA
Juan Ramón Álvarez é o candidato á alcaldía de Laza polo PSdeG-PSOE. | FOTO: Anabel G. Simón.

Falamos con Juan Ramón Álvarez, casado en Matamá e candidato á alcaldía de Laza como cabeza de lista do PSdeG-PSOE. Os socialistas preséntanse ás eleccións do 28 de maio cunha candidatura totalmente renovada, logo dunha lexislatura na que alcanzaran o goberno municipal de Laza ó unirse con Xuntos por Laza e arrebatarlle a maioría absoluta ó PP. 

É a súa primeira vez, non estaba nas listas das municipais do 2019. Con vostede, o PSOE de Laza inicia unha nova andaina. Cara onde?

A miña intención, ó igual que a do resto do noso equipo, é darlle unha volta á forma de gobernar este concello. Dar participación e escoitar ós veciños. Temos presente que, para facer as cousas ben, hai que ceder ou considerar as cousas sempre polo ben común.

Foi elexido por unanimidade como candidato á alcadía polo PSOE. Que lle levou a dar o paso de presentarse?

Sempre me chamou a atención a política, aínda que nunca fose de maneira activa. Eu considérome un home dinámico que defendo con forza todo aquelo no que creo, por eso quero que o Concello de Laza teña o mellor futuro posible. Só fai falla mirar un pouco o pasado, xa son moitos anos de desgoberno do Partido Popular en Laza.

O que ata o día 28 será o alcalde, o señor Jose Ramón Barreal, tiña na Xunta antes a Feijóo, agora a Alfonso Rueda, e na Deputación primeiro a Baltar pai e agora a Baltar fillo; e, pese a todo eso, o noso concello non arranca. E agora resulta que leva tres anos, coido que cunha política de castigo, que agora pretende resolver facendo en dúas semanas todo aquelo que non fixo nestes últimos tres anos.

Para facer as cousas ben, hai que ceder ou considerar as cousas sempre polo ben común

Os resultados do PSOE de Laza nas municipais son como unha montaña rusa. Que ocorrerá o 28 de maio?

Estou convencido de que obteremos un moi bo resultado. Creo que o día 28 de maio será un bo día para Laza. Estou seguro.

PSDG LAZA 3
De esquerda a dereita: Germán Blanco Casares, María Xesús Cerdeiriña Fernández e Juan Ramón Álvarez. | FOTO: Anabel G. Simón.

 

Na súa presentación como candidato destacaba, como un dos seus principais obxectivos, a loita contra a despoboación. Que medidas tomará o PSOE para reverter esta situación?

Para reverter esta situación hai que tomar medidas; poremos en marcha un plan de apoio a pequenas empresas, promoción da produción de proximidade, accións no turismo en torno ó Camiño de Santiago ou o turismo deportivo, promoción dos produtos de calidade como o mel, a carne ou as castañas. Fomentaremos a rehabilitación de vivendas destinadas ó aluguer. Subvencionaremos a natalidade e crearemos un plan de emprego a través de plataformas.

O primeiro proxecto no que traballaremos, cando cheguemos ó Concello, será a apertura dun centro de día para os nosos maiores

O PSOE terá máis proxectos para dinamizar o concello, que necesidades son prioritarias en Laza?

Queremos un benestar para as persoas maiores, a infancia e a mocidade. O primeiro proxecto no que traballaremos, cando cheguemos ó concello, será a apertura dun Centro de día para os nosos maiores. Terapias para os nosos maiores e monitores deportivos. Mellorar a rede de abastecemento e saneamento da auga. Publicar, informar e xestionar as solicitudes das subvencións e axudas a empresas e a novos emprendedores. Creación de servizos e fomentar o emprego local vinculado á xuventude. 

E, respecto ó “gran proxecto turístico do Parque Feiticeiro”, que cree que se debería facer?

Temos que estudar a documentación sobre este proxecto fallido para tratar de dar unha solución e sacarlle unha utilidade; sempre que sexa posible, dado que, polo que nós puidemos saber, a consultora técnica declinou certificar o alí construído. Neste caso, estamos falando dunha herdanza envelenada.

Para nós, a política municipal foi creada para mellorar a vida dos nosos veciños

Se falamos de macroproxectos, un dos que máis conflitos está levantando é o parque eólico de Rebordechao, que afecta ó municipio de Laza; que posición tomará o PSdeG-PSOE?

Tiña que haber unha planificación eólica pública, ordeada e ao servizo do pobo.

Nas pasadas eleccións, por primeira vez o PSOE accedía á alcaldía arrebatándolle a tradicional maioría absoluta ó PP. Sen embargo, aquel éxito tan só durou un ano e converteuse nun “todos contra todos”. Como é a relación, agora, entre as forzas de esquerdas?

Actualmente temos unha posición de diálogo e comunicación. O obxectivo é facer unha xestión transparente, eficaz e en constante diálogo cos representantes dos diferentes partidos. Segundo a miña maneira de pensar, a política ten que servir para unir e non para enfrontar. Para nós, a política municipal foi creada para mellorar a vida dos nosos veciños.

ENTREVISTA | Juan Ramón Álvarez: "O primeiro proxecto no que traballaremos será a...